Verá a luz este venres 10 nas plataformas dixitais, e o concerto de presentación será o sábado 18 na sala Capitol: últimas entradas!
09 abr 2026 . Actualizado a las 23:16 h.A creatividade en galego está en auxe, sexa no cine, teatro, na danza, na internet ou, dende logo, na música. Para mostra, Alana, un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega. Logo da súa ópera prima, O xeito á cántigha, o trío integrado por Eloy Vidal (Corme), Antía Vázquez (Oleiros) e Pablo Castro (Vimianzo) está a piques de lanzar o seu segundo disco, Un saber. Estará dispoñible este venres 10 de abril nas plataformas dixitais e o sábado 18 presentarano na Sala Capitol de Santiago cun concerto previsto para as 21.30 horas. Aínda se poden conseguir as últimas entradas.
No LP de Alana haberá desta volta colaboracións de Pan Sen Fron, Guillerme Fernández, Casapalma, Galician Army, Charanga Benofán, Andrés Boutureira e Bieito Pereira, cunha posta en escena a cargo de As dúas en punto, escenógrafas e iluminadoras. Un saber, referencia ao saber popular das mulleres ás que lle teñen feito recollidas, é froito dun percorrido: «Desde o noso primeiro disco houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como persoal, e o disco reflicte ese cambio. Pero é tamén unha continuación», din dende o grupo. Un disco para bailar, cantar, gozar e mesmo emocionar. Na base, a mestura da música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. Tivo o traballo o apoio da Xunta a través da Agadic. «Había unha idea que nos rondaba na cabeza dende hai tempo, a pouca importancia que lle daban as propias informantes á música que facían»: de aí, explican, o de Un saber. Raíz, ritmo e tamén evolución.