Sergio Miñones: «Este ano vou participar na de dez quilómetros, e con rematala doume por satisfeito»
CARBALLO
O concelleiro de Deportes, Mocidade e Festexos anima a apuntarse na cita do Correndo pola Costa da Morte que terá lugar este domingo en Vimianzo
07 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Correndo pola Costa da Morte fará este domingo en Vimianzo a súa segunda parada deste 2026. A cita celebrarase en horario matutino e reunirá a centos de participantes coa Praza do Concello como epicentro da xornada. Sergio Miñones, o concelleiro de Deportes, Mocidade e Festexos, será un máis na liña de saída.
—Xa está apuntado?
—Si, claro, pero este ano cambio e vou participar na carreira de 10 quilómetros. Arriscamos, pero eu con rematala xa me dou por satisfeito.
—Como lle dou por empezar a correr?
—Eu sempre fun un apaixonado do fútbol e xoguei ata o ano pasado en veteráns, pero deixeino polo risco a lesionarse. Desde que entrei como concelleiro neste mandato, en cambio, apeteciume participar nestas probas do circuíto, comezando polas de tres quilómetros.
—Que é o que máis lle gusta deste deporte?
—A min axúdame moito a desconectar do día a día e gozo moito do propio deporte, polo simple feito de facer deporte e coidarse, fomentando a saúde.
—Sorprendeulle o impacto que ten o circuíto?
—Si, moito. O ano pasado fixen por primeita vez o circuíto completo, coas dez probas, e é unha marabilla a cantidade de xente que participa, de moitos lugares ademais.
—Haberá cambios no percorrido?
—Con respecto ao ano pasado, si, porque había obras na rúa Castelao. Os percorridos volverán a ser os mesmos que hai dous anos. É unha proba sinxela e chan, moi levadeira, que ten unhas subidas moi leves.
—Cantos participantes esperan?
—Superamos as 890 inscripcións, contando coas que xa hai no circuíto en xeral. Esperamos unha participación similar á doutos anos, aínda que coincida ca Vigbay e cunha proba na Coruña. Que a xente se anime a vir gozar de Vimianzo, do circuíto, do turismo e da gastronomía.
A cita forma parte do circuíto da Deputación da Coruña
Ademais de ser unha das dez probas do Correndo pola Costa da Morte, a carreira de Vimianzo forma parte do Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña 2026.
As de Zas, Dumbría, Cee, Corcubión e Carnota, tamén serán citas que consten para ambos circuítos.
No da Deputación aparece, ademais, a 10K de Carballo (7/6), a Faro Roncudo de Ponteceso (13/6), a do Apóstolo na Laracha (18/7) e a do Dolmen Dombate en Cabana (19/9).