Comezou este sábado, e continuará este domingo 15 de marzo, a segunda edición de Ponte Friki: ¡bota un ollo ás imaxes!
14 mar 2026 . Actualizado a las 19:22 h.Non houbera discurso oficial naquela primeira edición, mais na segunda hóuboo e ademais merecido, pois o «crecemento espectacular» de Ponte Friki en tan só un ano non pasa desapercibido. Está en marcha dende este sábado na Ponte do Porto, en Camariñas, a segunda entrega deste evento dedicado á cultura xaponesa, ao gaming e ao lecer alternativo. «Estades a converter, por mérito propio, á Ponte do Porto e a Camariñas na capital da cultura alternativa da Costa da Morte», díxolles a rexedora, Sandra Insua, aos membros da organización, asumida pola Asociación Carnavales Ponte do Porto (PonteDisfraz).
Son tres carpas plenas de actividade, o dobre de contido: «O ano pasado, cando nos propuxeron a idea, sabiamos que estabamos ante algo distinto, unha proposta valente e necesaria. O éxito rotundo daquela primeira edición demostrou que tiñan razón», continuou Insua no seu discurso, seguido por outros membros do goberno e un bo número de voluntarios. Non puido máis que «deixar claro» o apoio municipal ao encontro: «Cando a veciñanza ten iniciativa, cando traballa arreo para traer vida, lecer e cultura ao municipio, a obriga da Administración é estar aí. Nós sempre imos estar ao voso lado». Mencionou o «incrible salto» nesta «programación de luxo». Se noutro tempo o friki foi deostado, hoxe o anime ou o manga é «cultura con letras maiúsculas, formas de expresión artísticas que unen xeracións»: «É marabilloso ver este pavillón cheo de xente nova e non tan nova, compartindo un ambiente. Vendo como está hoxe isto non cabe ningunha dúbida de que Ponte Friki ten un futuro brillante e esperanzador». Organización, artistas, artesáns e público foron situados pola rexedora como «protagonistas». Agradeceu aos implicados, ademais, «tantas horas de traballo desinteresado».
Este dominog continúa o encontro
A pianista Elesy ou o actor de dobraxe Julio Lorenzo, a voz de Goku en galego, pasarán a estar xa na historia deste encontro na Ponte do Porto. No caso de Lorenzo, o dominog. Poden os interesados achegarse aínda ao polideportivo da localidade, aberto entre as 10.30 e as 14.00 e entre as 16.00 e as 20.00. Atoparanse o espazo dividido entre diversas zonas: gaming (xogo), talleres, estands de venda e exposición e área de escenario e lecer, con charlas, propostas interactivas e outras actividades. Salvo que teña bono, a entrada dun día son 6 euros.
Outras propostas para gozar do domingo na Costa da Morte
Serán abundantes as citas deportivas este domingo 14 de marzo, mais no cultural, o Ponte Friki da Ponte do Porto encabeza a axenda do día. Con todo, tamén hai outras paradas na Costa da Morte. É o caso de Carballo, onde a cafetería Colón impulsa Arte no Colón, unha xornada de aperitivos, charla e pequeno taller cos artistas Antonio Fraga e Tucho: de 13.30 a 16.30. As coloridas obras de Tucho levan días dando vida ás paredes do establecemento. ¡Cómpre inscribirse! Igualmente na capital de Bergantiños, avanzará o plan de dinamización do mercado municipal: este sominog será o día do sorteo de dez carriños de compra. Se ten boleto destes días, ¡estea atento! E ao ser domingo, pois tamén vai ser día de baile social en varias localidades: Malpica (19.00 horas), Vimianzo (19.00), Fisterra (19.00) ou Carballo (18.00). En Fisterra toca o dúo Maracaibo; en Carballo farao Mar de Caión.