Se vive na Costa da Morte ou a visita, ten na axenda da xornada un bo número de variadas propostas
14 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Sábado 14 de marzo e na axenda deste día na Costa da Morte diversidade de citas de interese. Ademais do arranque de Ponte Friki na Ponte do Porto, e ademais da obra de teatro «Yo solo quiero irme a Francia» en Vimianzo, outras moitas propostas das que pode tomar nota a continuación.
Relacionadas coa música hai cando menos dúas citas hoxe na comarca. Unha, no Pazo da Cultura de Carballo, onde ás 19.00 horas botará a andar a segunda edición do Festival de Bandas organizado polo Conservatorio de Música. O centro fai un convite a toda a veciñanza. No concerto participarán a Banda de iniciación Santiago de Arteixo, así como a Banda Música Infantil do CMUS carballés. Tamén as bandas sénior de ambas institucións. O repertorio, avanzan, serán ben variado. Doutro lado, en Seaia, Malpica, comezará igualmente ás 19.00 horas a sexta edición da Foliada que organiza a asociación Carcaxía. Será primeiro a quenda da foliadiña, dos máis pequenos, e de aí en adiante chegarán unha vintena de grupos da comarca e máis alá, así como a actuación estelar de Pandeireteiras sen Fronteiros (Pan Sen Fron).
A novela «Arsínoe» chega á vila de Cee
Hoxe • A escritora e xornalista Nieves García presenta na Casa da Cultura de Cee (19.00) a súa novela Arsínoe, reina de Alejandría. Acompañarán Margarita Lamela, alcaldesa, e Susana Seoane, secretaria da asociación feminista Buserana. «Con esta novela debut, a autora consigue aunar a súa paixón pola investigación histórica e o Antigo Exipto. Nela, afóndase na figura da muller que lle quitou o trono á súa irmá maior, Cleopatra, e que se atreveu a enfrentarse a Julio César para salvar a Exipto de Roma. Unha muller, que a pesar da súa valía foi case que borrada da historia, como tantas outras, e que agora volta a ocupar o lugar que lle pertence grazas a esta obra de ficción, pero feita con rigor histórico», comunica o Concello. O acto será, se cabe, aínda máis especial pola maxia do directo: «Poderemos escoitar dúas pezas musicais, escritas hai case que dous mil anos, e que servirán para introducirnos no ambiente histórico no que aconteceron os feitos relatados na novela. Son, por unha parte, Primo inno alla Musa, de Mesomede de Creta e o Epitafio de Seikilos, a composición musical completa más antiga que se conserva actualmente, e que serán interpretadas por Alba Trillo ao piano e Martín Castiñeira ao clarinete, grazas á dirección e asesoramento musical de Fernando Fraga, director da Escola e da Banda de Música de Cee».
«O parvo», unha comedia que chega con Badius a Cabana
Hoxe • O auditorio municipal de Cabana acollerá esta tarde-noite, ás 20.00 horas, a representación da obra O parvo. É unha comedia que chega dende Baio coa compañía de teatro afeccionado Badius. Todo comeza cun convite a cear e acaba... acaba entre risas. Acceso libre e de balde.
«Mulleres que viven soas», con Berrobambán en Malpica
Hoxe • Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo soben hoxe ao escenario do centro cívico de Malpica para interpretar a peza Mulleres que viven soas, da compañía Berrobambán. As tres bruxas de Macbeth e unha mirada social ás mulleres. Ás 20.00 horas, con acceso de balde.
En Dumbría, A Laracha ou Muxía tamén segue o 8M
Hoxe • Ademais da cita teatral en Malpica, Mulleres que viven soas, e da presentación literaria de Nieves García en Cee, ligadas ambas convocatorias ao 8M, cando menos outras tres propostas para hoxe na Costa da Morte gardan relación co Día da Muller.
En Dumbría, nas instalacións do Conco, avanzarán ás 11.30 as xornadas As mulleres na antigüidade, impartidas xustamente pola xornalista e historiadora Nieves García. A asistencia é libre e, a organización, municipal. Na Laracha continuará asemade o ciclo de curtametraxes promovido polo Concello (19.30, Casa da Cultura), proxeccións de traballos dirixidos por mulleres. E finalmente, en Muxía, a Acción Feminista do BNG renderá homenaxe ás 20.00 horas no Salón do Voluntariado ás mulleres das ANPA da Costa da Morte que lideran a demanda de melloras nos centros educativos.
¡300 persoas en Monte Torán!
Hoxe • A maiores de todo o exposto, máis citas de interese este sábado. É día de xuntanza, e serao en Monte Torán, Vimianzo, onde a comisión de festas organizou a terceira edición do seu Xantar. Había xa estes días 300 persoas inscritas. Compartirán un bo menú e música de Martín Carrión.
Por outra banda, en Carballo, haberá unha dobre parada no Casino. Pola mañá e da man de Un Paso Máis, Silvina Lema, presidenta da Asociación Disciplina Positiva España, ofrecerá un obradoiro para familias (10.00). Leva por título Condutas disruptivas. Pola tarde, ás 19.00 avanzará o ciclo de cine Galidoc: é a quenda do documental Onde está o Zeca? Dirixen Tiago Pereira e Abel Andrade.