RAG e Concello de Carballo saberán polo miúdo o galego que falan os escolares

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ramón Varela, Daniel Pérez, Henrique Monteagudo y María López-Sández
Ramón Varela, Daniel Pérez, Henrique Monteagudo y María López-Sández BASILIO BELLO

Firmado o convenio para elaborar o mapa sociolingüístico no municipio

13 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Carballo saberán que e canto galego falan os escolares do municipio, onde e con quen, e por que se perde nalgúns casos. E así, cos rapaces que cursan dende infantil ata secundaria. O traballo realmente é da RAG, pero o Concello axuda e colabora, e onte os responsables de ambas institucións, Henrique Monteagudo e Daniel Pérez, firmaron o convenio para traballar conxuntamente. No acto, celebrado na sala de xuntas, tamén estaba María López-Sández, coordinadora do Seminario de Sociolingüística da RAG, e o concelleiro Ramón Varela, que é o presidente da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, Alingua.

Este mapa, o cuarto que se vai facer nun concello galego (tras Ames, Santiago e Pontevedra), ten un dobre obxectivo. O primeiro, o xa citado do coñecemento do idioma dos rapaces de varios niveis educativos, cunha enquisa dixital na que se pregunta por diversas cuestións relacionadas co seu emprego.

O segundo, o da intervención posterior, en caso de ver conveniente, actuar dalgún xeito para favorecer ese uso. Pero para iso son precisos os resultados. O Concello falará cos centros para xestionar permisos e achegas, e as consultas empezarán despois da Semana Santa.

Daniel Pérez y Henrique Monteagudo
Daniel Pérez y Henrique Monteagudo BASILIO BELLO

Os datos estudaranse e faranse os informes ao inicio do vindeiro curso, e as posibles intervencións serán o ano que vén, o 2027. Un traballo moi «artesanal», sinalou Monteagudo, pero tamén moi necesario e útil, porque dará opción a saber cando se usa o galego, en que entorno (familia, amigos, aulas, relacións...). Xa só esta radiografía é de por si interesante, pero máis se se aproveita (como se vai facer) para actuar con posterioridade. É evidente que a colaboración do profesorado é fundamental, e dados os precedentes, non hai problema neste senso.

López-Sández dixo que tamén é importante traballar cos neofalantes, actuar para que non se perdan falantes (todos puxeron de relevo que Carballo e Bergantiños manteñen un nivel moi alto de usuarios) e por prestixiar a lingua. Nalgúns sitios, a hemorraxia da perda é moi alta, igual que o descenso da transmisión interxeracional.

Pérez incidiu nesas ideas principais, e de cara ás posibles intervencións futuras, cre que haberá que adaptarse a cada caso, e ve moi relevante saber cal é a situación real. Tamén facerlle ver á cada vez maior poboación estranxeira a importancia do idioma na integración social.

Monteagudo alertou que o alto uso do galego na bisbarra non debe levar ao conformismo, senón a explorar vías de consolidación do idioma entre a xente máis nova, nun contexto cambiante: o citado polo alcalde de maior inmigración ou o consumo masivo de redes sociais.