O Concello de Carballo é un dos promotores da iniciativa. A entrega de premios, o 16 de abril
12 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Enreguéifate vén de pechar o prazo de inscrición do certame de regueifas en vídeos. Foron un total de 84 os inscritos entre as dúas categorías, a xeral e a escolar. Destaca a organización a diversidade das propostas nesta iniciativa que promoven os Concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo: agora é a quenda do xurado. Os premios entregaranse nunha gala en Pontevedra, o vindeiro 16 de abril.
«Dentro da categoría escolar, para alumnado non universitario galego, participaron no certame un total de 45 centros escolares procedentes das catro provincias galegas, entre os que se atopan centros educativos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, os seis concellos impulsores do proxecto, cuxo alumnado recibiu formación sobre improvisación oral nesta novena edición do Enreguéifate», trasladan dende o concurso. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo ofreceron máis dun cento de obradoiros.
O panel de persoas expertas encargado de valorar os traballos compoñerano Laura Gil, técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Arzúa; Conchi Cochón, técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Pontevedra; Manolo Maseda, profesor e regueifeiro; e Séchu Sende, profesor, escritor e regueifeiro. O fallo do xurado coñecerase en breve, habendo oito premios por categoría para recoñecer á regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.
A organización incide na boa saúde da improvisación oral e na súa capacidade de adaptación e actualización, conectando coas novas xeracións. A seguir sumando historia, pois!