«Aos veciños encantoulles Ponte Friki, algún ata nos pediu facer dous ao ano»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Cristina Blanco, da asociación PonteDisfraz
Cristina Blanco, da asociación PonteDisfraz BASILIO BELLO

Dúas xornadas de actividades dedicadas ao manga, aos videoxogos e ao lecer alternativo na Ponte do Porto. Así o explicou Cristina Blanco en Radio Voz

11 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O pavillón polideportivo da Ponte do Porto acollerá esta fin de semana a segunda edición de Ponte Friki, unha cita dedicada á cultura xaponesa, os videoxogos, o cosplay e o lecer alternativo. Detrás desta iniciativa está a Asociación Carnavales Ponte do Porto (PonteDisfraz), que, coa colaboración do Concello de Camariñas, programou dúas xornadas plenas de actividade. Para debullar a programación, e para falar tamén da participación desta entidade no entroido cunha exitosa comparsa, interveu Cristina Blanco en Radio Voz:

—Segunda edición, Cristina, que tal a do ano pasado?

—A primeira foi un éxito. Estamos moi contentos e esperemos que a deste ano tamén o sexa.

—Hai que acabar con esa connotación negativa que adoitaba ter a palabra «friki», non si?

—Creo que hoxe en día xa non ten unha connotación negativa. Podes ser friki de calquera cousa: do deporte, do anime, das series, das películas... De todo.

—Como xurdiu a idea desta cita?

—Aos que formamos a asociación xa nos levaba rondando a idea dende había moitos anos. Queriamos facer algo sobre isto, que é o que nos gusta, aquí na Costa da Morte. Cando se presentou a posibilidade de facer o evento, fomos adiante con todo. É algo diferente, e iso gusta.

—Fálase moito do manga e da cultura xaponesa, pero hai moitos outros intereses, non?

—Si, hai outros perfiles, como por exemplo o k-pop, que se puxo moi de moda ultimamente grazas a unha película que saíu. [No evento] teremos concurso e zona de k-pop. Tamén está o relacionado coa dobraxe nas series e nas películas, e dese sector teremos connosco a Julio Lorenzo, que puxo a voz a Son Goku en galego e a outros debuxos moi coñecidos. Teremos, así mesmo, cousas de realidade virtual, que está moi en auxe... É dicir, non soamente estamos falando de manga ou do mundiño xaponés.

—Fálenos do programa.

—O sábado, que será o día máis forte, teremos á famosa creadora de contido e pianista Elesky, que vos convido a vir vela porque é unha marabilla escoitala. Tamén teremos ese concurso de k-pop do que falaba antes e o certame de cosplay, que é un sector fascinante para a xente á que lle gusta disfrazarse e ver cousas distintas. Ese día tamén haberá unha exhibición de bailes caribeños cos alumnos da escola Arte e Movemento, entre os que hai algúns campións galegos, estatais e ata do mundo, e para acabar a xornada faremos un lanzamento de faroliños ao estilo xaponés e teremos un concerto de pop-rock.

—E o domingo, segunda xornada.

—O domingo teremos esa charla co actor de dobraxe Julio Lorenzo e algunha outra súper interesante sobre temas como cómo crear un xogo, presentación de algún libro...

—Canto custarán as entradas?

—A entrada dun día serán seis euros, e a de dous, nove euros. Aparte diso tamén teremos paquetes que incluirán o transporte en autobús, que recomendo collelos canto antes. Haberá [rutas] dende A Coruña, Vigo e Pontevedra, e a verdade é que é unha opción moi chula de pasar o día.

—Malia que este tipo de afeccións van en aumento, non abundan estas citas en Galicia.

—Hai algunhas, pero non é algo que se faga como unha festa de calquera parroquia.

—E ademais de promover este Ponte Friki, dende a Asociación Carnavales Ponte do Porto (PonteDisfraz), tamén teñen moita actividade durante o entroido.

—Este ano a verdade é que estamos moi contentos con como foi o entroido. O disfrace da nosa comparsa encantoulle a moita xente.

—As famosas farolas...

—Si [ri], as famosas farolas. Aínda que non se nos vía a cara, iamos nós alí dentro. Tiñamos un pouco de medo ao principio, porque era algo diferente, pero parece que gustou bastante.

—E gústalles aos veciños o ambiente que se crea durante o Ponte Friki? Ver a xente disfrazada fóra do entroido non é moi habitual...

—Si, aos veciños encantoulles, porque nunca viran o pobo cheo de tantas cousas. Mesmo houbo xente que nos dicía que fixésemos dúas no ano, en vez dunha.