O debate arredor das vivendas de uso turístico (VUT) sitúase hoxe no centro da reflexión sobre o modelo turístico que queremos para o noso territorio. Desde a CMAT abordamos esta cuestión con responsabilidade, conscientes de que falamos dunha realidade poliédrica que esixe análise, equilibrio e tamén visión de futuro.
No xeodestino Costa da Morte, as VUT supoñen xa máis do 50 % das prazas de aloxamento dispoñibles. Son 2.459 vivendas rexistradas que superan as 13.000 prazas, mentres que os 374 establecementos tradicionais —hoteis, pensións, casas rurais e outros formatos— ofrecen arredor de 9.700. A incidencia media sitúase en cinco VUT por cada cen vivendas familiares. Non estamos, polo tanto, ante unha realidade residual, senón diante dun recurso consolidado que está a dar resposta a unha demanda crecente.
Con todo, a fotografía non é igual en todos os concellos. Nos municipios de menor densidade de poboación, as VUT están a abrir oportunidades para rehabilitar vivendas que doutro xeito permanecerían pechadas, xerando actividade económica e complementando o tecido empresarial sen provocar tensións apreciables. Noutros puntos a súa función resulta determinante nos meses de verán, cando a capacidade do aloxamento tradicional é claramente insuficiente para absorber o volume de visitantes.
Contextos
Ao mesmo tempo, tamén debemos recoñecer que existen contextos nos que unha elevada concentración pode influír no acceso á vivenda habitual e mesmo na configuración social das localidades. Esa diversidade obríganos a actuar con sensatez e coñecemento da realidade concreta de cada territorio.
Como presidente da CMAT e alcalde da Laracha, defendo que non hai receitas únicas nin solucións uniformes. Cada administración local debe avaliar a súa situación demográfica e social e adoptar as medidas que considere oportunas, sempre procurando un equilibrio real entre o desenvolvemento turístico e o dereito á vivenda. Non se trata de enfrontar modelos.
O aloxamento tradicional e as VUT poden e deben convivir, porque ambos contribúen a xerar emprego, actividade e oportunidades. Iso si, dentro dun marco claro, porque non todo vale. A regulación debe garantir convivencia, calidade, competencia leal e respecto polo dereito á vivenda. O futuro da Costa da Morte pasa por ordenar con criterio, integrar sensibilidades e avanzar desde o equilibrio.
(*) José Manuel López Varela é alcalde da Laracha e presidente da CMAT.