Investir no esencial

CARBALLO

OPlan Único da Deputación converteuse nunha ferramenta clave para todos os concellos. Desde a súa posta en marcha mobilizou máis de 150 millóns de euros e permitiu executar 800 obras nos municipios da comarca. Melloráronse rúas, equipamentos e espazos públicos. Pero unha parte importante dos fondos destínase a algo menos visible, aínda que esencial: garantir o funcionamento diario dos servizos municipais a través do gasto corrente.

O Plan Único provincial representa unha nova forma de entender a xestión pública. O que tradicionalmente se consideraba un gasto é, en realidade, un investimento necesario para que os concellos funcionen e poidan atender ás persoas. Grazas a estes recursos públicos é posible manter abertas as escolas infantís, garantir a axuda no fogar ás persoas maiores ou soster o alumeado público. Sen este apoio, moitos concellos terían dificultades para manter servizos básicos.

Igual que nunha obra pública vemos as beirarrúas ou as farolas, pero baixo o chan están as redes de auga da traída, saneamento, telecomunicacións ou electricidade. Son infraestruturas invisibles, pero imprescindibles.

Co gasto corrente pasa o mesmo. Nun contexto de aumento de custos e financiamento municipal insuficiente, o Plan Único dá aos concellos a flexibilidade necesaria para priorizar o esencial: que os servizos funcionen cada día e a atención ás persoas estea garantida.

Porque, moitas veces, o mellor investimento no eido público é o que non se ve, pero fai posible todo o demais.