Premio Literatas para cinco mulleres que «escriben páxinas decisivas do libro da nosa vida»
CARBALLO
Son Teresa Ferreira, Manuela Ures, Isabel Freijeiro, Concha Seoane e Fina Rey. A Fundación Pondal outorgará estes galardóns o 8 de marzo.
19 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Xuntas constrúen un relato poderoso de compromiso, esperanza e transformación social en feminino», traslada a Fundación Eduardo Pondal. A entidade entregará o vindeiro 8 de marzo, Día da Muller, ás cinco da tarde, unha nova remesa dos seus Premios Literatas, galardóns que, como é este caso, van parar a persoas, todas elas, que «escriben páxinas decisivas do libro da nosa vida colectiva». Son, neste 2026, Teresa Ferreira Lavandeira, Manuela Ures Blanco, Isabel Freijeiro García, Concha Seoane López e Fina Rey Baldomir.
Sobre Teresa Ferreira apuntan dende a entidade pontecesá que, a través do teatro, «converte o escenario nun espazo de palabra, memoria e reflexión, achegando a cultura a todo tipo de públicos e facendo da arte dramática unha ferramenta viva de educación e transformación social». Teresa é unha das patas de Teté Teatro (Salto, Vimianzo).
No caso de Manuela Ures Blanco, é a través do emprendemento que «demostra que é posible crear proxectos sostibles cun fondo compromiso co territorio, abrindo camiños para outras mulleres e impulsando unha economía máis xusta e enraizada. Ures foi empresaria dun taller téxtil en Pazos, Ponteceso.
Defensora da escola rural, de Isabel Freijeiro García destacan na Fundación Pondal a súa loita por unha educación de proximidade que garanta a igualdade de oportunidades, á vez que mantén viva a comunidade «e preserva a lingua e igualdade propias».
Moi de actualidade está, por outra banda, Concha Seoane López, recén xubilada logo de catro decenios de dedicación a Aspadex, con sede en Cee. Dela poñen en valor o seu traballo, a través da inclusión, para que ninguén quede atrás, «derrubando barreiras e construíndo espazos onde todas as persoas poidan participar con plena dignidade».
E, por último, nesta nova remesa de Literatas, Fina Rey Baldomir, presidenta da asociación Vieiro, con sede en Carballo e ámbito de actuación supramunicipal: «A través da prevención de adiccións, aposta pola educación, pola información rigorosa e polo acompañamento como mellor vacina fronte ás dependencias, coidando especialmente da mocidade e das súas familias», sopesan dende a entidade que concede os galardóns.
Palabra, teatro e música no acto de entrega dos galardóns
A sede da Fundación Eduardo Pondal, no Couto, será o espazo que acolla o acto de entrega destes galardóns. Ese 8 de marzo, ademais das cinco mulleres premiadas, tomarán parte do encontro outras voces e talentos femininas. É o caso da escritora vimiancesa Natalia Lema, a persoa que conducirá a velada. Curiosamente, outra vimiancesa, Irma Macías, ocuparase do peche da sesión con algunha das súas pezas. Ambas, por certo, teñen sido nomeadas xa Literatas. O grupo de teatro da asociación A Casa da Muller, dirixido por Tamara Lema, sumará dramaturxia a estes premios, mentres que alumnado do colexio Labarta Pose de Baio, dirixido pola mestra Sinda Cundíns, ofrecerá unha representación sobre Isabel Zendal. Unha tarde, pois, para festexar, e para seguir escribindo a historia.