O Melga e a Fundación Pérez y Verdes láianse polo falecemento de Xesús Alonso Montero
CARBALLO
«Entrei escéptico neste museo e saín emocionado (abraiado)», escribiu o que foi presidente da Real Academia Galega na súa visita ao museo pontecesán no 2015
15 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O falecemento de Xesús Alonso Montero foi especialmente sentido en Ponteceso. O Melga e as fundacións Ricardo Pérez y Verdes e Eduardo Pondal trasladaron as súas condolencias polo pasamento do que foi presidente da Real Academia Galega.
Neste cargo visitou, en setembro do 2015, precisamente o Museo Etnolúdico e asinou no seu libro de honra. «Entrei escéptico neste museo e saín emocionado (abraiado) non só pola riqueza das pezas senón por reencontrarme, a través da billarda e outros xogos, coa miña infancia no Ribeiro. Tamén me impresionou a cultura e o entusiasmo do seu director Ricardo Pérez, galego, que naceu en Eivissa. Quedo comprometido a colaborar con este museo». Esta foi a súa dedicatoria naquela xornada, na que o propio Ricardo Pérez y Verdes lembrou que foi o seu profesor de Lingua e Literatura no instituto Lucus Augusti, en Lugo, a principios dos anos 60. Deulle as grazas pola súa bonhomía e por que «aceptase ser embaixador» do proxecto do museo.
Pola súa banda, desde a Fundación Pondal sinalaron todo o apoio que Xesús Alonso Montero ofreceu á institución en todos os seus cargos e sempre que lle solicitaron presenza para calquera proxecto que impulsasen.