Fran Gómez Pallas, campión no Dakar: «Ganas, danche unha palmada nas costas, e a volver a traballar»
CARBALLO
O piloto carballés falou do que supón unha vitoria no raid máis duro do mundo e confesou que xa planea volver
14 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hai xusto un mes, Fran Gómez Pallas (Caracas, 1969) encaraba a recta final dun rali Dakar que xa lideraba e no que remataría por ser campión da categoría Mission 1000. En Arabia Saudí compartiría podio con Benavides ou Al-Attiyah antes de volver a Carballo, onde se sucederon as homenaxes polo título, sendo a máis especial a que lle brindou o Concello de Carballo e na que participaron unhas cincuenta persoas.
Onte, en Voces de Bergantiños, valorou esta «volta á normalidade», que en realidade non tardou en chegar, pois o título internacional non lle supuxo ningún cambio relevante a nivel económico, nin social. «Nótase na xente que che ve pola rúa e para a felicitarche, pero ao día seguinte volvín a poñer a funda e a traballar», explicou o piloto, indicando que o Dakar non dá premios económicos, nin sequera aos campións das probas absolutas: «Danche unha palmada na espalda para que volvas o ano seguinte, que ese é o verdadeiro negocio, para que corran Benavides e Al-Attiyah precisan dos pilotos amateur, e nós imos co posto e vimos con menos, aínda que cheos de ilusión, e este ano de satisfacción por conseguir a vitoria».
Cada vez, ademais, o proxecto de Fran é máis custoso. Nada tivo que ver esta experiencia, con equipo propio, unha delegación de sete persoas e tres pilotos, ca de 2024, cando competía el só e tiña a outros dous compañeiros como equipo. «Teño a sorte de que hai empresas que confían moito en min», di, pero admite que iso de buscar colaboradores para financiar a experiencia é «o máis duro do Dakar». «Cada inscripción son 10.000 euros, e hai que sumarlle o furgón, o equipamento de asistencia... Hai moito traballo por detrás que só se ve no día a día».
Xa pensando no 2027
Recoñeceu Fran que a feliticación que máis o emocionou foi a da súa nai, ante a que de mozo tiña que buscar estratexias para non asustala coas súas viaxes: «Ata o último día, dicíalle que ía para Pontevedra, fose o Dakar en América ou un campionato nacional», comentou entre risas.
De cara ao 2027, Pallas desexa competir no seu décimo Dakar, o que lle daría o título de Legend neste raid, o máis duro do mundo. «Vinteséis anos despois, segue motivándome, así que mentres poida, vou seguir facendo o que me gusta, aínda que non teña ningunha necesidade, nin obriga, de ir ao Dakar», explicou. Pallas destacou, ademais, o labor de outro carballés en Arabia Saudí, o fotógrafo Tomás Pombo: «Xa anda Red Bull detrás del polo gran traballo que fixo», sinalou.