«A regueifa vai chegar a onde nunca chegou»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Presentación en roda de prensa do espectáculo, este mércores
Presentación en roda de prensa do espectáculo, este mércores ANA GARCÍA

Unha cita coa historia | Quedan horas para o gran día: este venres estréase en Carballo a obra de teatro «Territorio Regueifa»

04 feb 2026 . Actualizado a las 19:48 h.

Tivo que pasar o que pasou para que a realidade dese cumprimento ás palabras do director do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) alá por setembro. Dixo daquela Alberto Sueiro que o do 2025 sería «o FIOT máis grande da historia» e, en efecto, foi tan así que chegou ao 2026.Cinco meses despois, a estrea absoluta da obra Territorio Regueifa —este venres 6 de febreiro— poñeralle o ramo á 34.ª edición do festival, que levaba por lema Raíz. Territorio Regueifa ía estrearse en outubro, mais Josinho da Teixeira «rompeu a crisma» —é unha licencia— e non puido ser: «Son o precursor de que o FIOT dure tantos meses», riu o regueifeiro das Rías Baixas, actor neste espectáculo: «En todo este tempo só recibín aquí cariño e familia. Un como estás e non un cando estás. A regueifa vai chegar a onde nunca chegou, e tiña que ser aquí, en Carballo».

Houbo para iso unha confluencia de vontades. Territorio Regueifa é unha coprodución do FIOT con Ainé e o Centro Dramático Galego (CDG), a unidade de produción teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude: «O FIOT sempre tivo interese en que isto ocorrese aquí, en que a regueifa pasase ao teatro en Carballo. Estamos encantados de que o festival sexa xa un evento anual», fixo chanza Sueiro.

ANA GARCÍA

Coma Josinho, Álvaro Pérez Becerra, produtor e director de Ainé Producións, agradeceu todas as facilidades recibidas dende a vila: «Para nós é un orgullo estar nisto. Uníronse cousas que se tiñan que unir nalgún momento». Cos ensaios desta semana no auditorio do Pazo da Cultura retoman todo o feito e prepáranse de cara a unha estrea para a que xa quedan poucas entradas: venres, 21.00 horas, ataquilla.com. O sábado chegarán a Redondela e logo xa teñen confirmados Boiro (6 de marzo) ou Burela (23 de maio), no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios: «Estanos pasando algo ben curioso, e é que xa programan o espectáculo antes da estrea», avanzou Álvaro. Seguindo coa filosofía de Ainé, a idea é xirar por Galicia canto máis mellor, algo que tamén facilitará a capacidade de adaptación da obra a espazos máis e menos pequenos.

O que se verá na estrea en Carballo será «unha mestura», en palabras do autor e director teatral, José L. Prieto: «Música, teatro, improvisación, humor e información tamén». Todo, no corazón da regueifa e do teatro. Agarda o dramaturgo que, seguindo o mesmo proceso que fixo el, o espectador «entre neste territorio regueifa e xa non saia nunca máis».

ANA GARCÍA

Que a regueifa chegue ao teatro é «soño cumprido» para a regueifeira Lupe Blanco, intérprete xunto con Josinho e Manolo Maseda. Durante moito tempo «algo minoritario», foron xa centos as persoas que sacaron diñeiro do peto para ver un espectáculo de improvisación oral: «Agora a regueifa é moderna, innovadora, está de moda». Coristanquesa, mais en parte tamén xa carballesa, Lupe deixouno claro: «Estrear na casa vai ser brutal». Como o é tamén que o documental Ao son da nova regueifa sexa finalista nos Premios Mateo. «Isto tiña que ser aquí, na aldea da gala da regueifa. Hai dous anos isto sería algo impensable. Que vai pasar na obra? Pura maxia», incidiu Manolo. Tamén para el é isto un «soño compartido».

«O teatro hai que abrilo, este proxecto ensancha o concepto»

Unha regueifa creativa, reivindicativa, espazo de libre encontro e expresión: así é a nova improvisación e así se practica na Escola de Regueifa de Carballo, afirmou Maruxa Suárez, edila de Cultura. «É parte da nosa identidade», pechou Daniel Pérez, alcalde, feliz de que a colaboración entre sector privado e Administración frutifique nun soño cumprido: «É o que temos que procurar na vida».

ANA GARCÍA

Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego, aludiu ao teatro como encontro, lema nos últimos tempos: «Este proxecto axuda a ensanchar o concepto do que é teatro. As táboas do teatro está ben abrilas, o teatro ha de hibridarse, deste xeito a nosa xenética teatral vai mellorar». Contouse todo o anterior na presentación da obra, na tarde deste mércores no Pazo de Carballo.