Axenda | Aquí, unha guía de todo o que poderá atopar na comarca, para públicos ben diversos
31 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Sábado 31 de xaneiro, tarde de baile en Cee, Zas, Paiosaco e Coristanco, e día tamén destas citas na Costa da Morte:
Fisterra e Dumbría • Portas abertas nas novas Casas do Maior de Vilar-Fisterra (12.00) e Ponte Olveira 2-Dumbría (16.30 horas). Son parte da rede de Colaxe, que segue a medrar no rural. Trátase dun servizo público, e gratuíto, ofrecido pola Xunta.
Tella (Ponteceso) • A asociación cultural Os Seixos promove para hoxe o PreRetella Fest, ou o Retella de Inverno. A cita servirá para divulgar o festival de verán, pero tamén para gozar do bo rock sen agardar aos raios de sol. Poderá facerse cos concertos de Bad Whisky (A Coruña), Kwazzar (Madrid-A Coruña) e Lowcos (Carballo). Acceso de balde, dende as 20.00.
Camelle • Acolle o Museo de Man, ás 18.00 horas, a presentación do poemario Os ausentes, de Jacobo Barros López, escrito baixo o pseudónimo de Cativo. Participarán Guillermo González, xerente do GALP Costa da Morte; Álvaro Barros, biólogo, e Agustín Agra, escritor. «Son 28 poemas agrupados baixo cinco presentacións, retratos en prosa dos arquetipos de homes tripulantes dos pesqueiros galegos que faenan en Gran Sol e Terranova. Esta colección de poesías esta inspirada nas duras condición de vida do microcosmos que se crea nun pesqueiro galego de altura, nun espazo reducido, poboado de personaxes que flutúan entre o sentimento de derrota e a loita diaria por sobrevivir. A obra pretende render una homenaxe aos mariñeiros galegos de Gran Sol e Terranova», trasladaron dende o GALP.
Corcubión • Ás 12.00, diante do Cárcere Vello de Corcubión, apoio do COAP ás persoas palestinas encarceradas de xeito inxusto e «en condicións inhumanas e ilegais». Animan a acudir á convocatoria, portando bandeira palestina, xa que a idea é rodear de forma simbólica con estas o cárcere corcubionés.
Fisterra • PeaceWalk, Camiño pola Paz, partirá mañá de Fisterra ata Xerusalén. Hoxe, véspera, haberá lectura de manifesto no faro (10.00), encontro de camiñantes no mercado (11.00) e evento de lanzamento con charla e actuación do coro Aires de Bergantiños (17.00).
Baíñas (Vimianzo) • Unidade móbil para doar sangue de 10.30 a 14.30 diante da oficina do Santander.
Muxía • Ás 19.00, na lonxa, presentación dos álbumes ilustrados Nación Mar e Nao Cetácea, de Xosé Iglesias.
Coristanco • Obradoiro de maxia na biblioteca, ás 11.00 (8-10 anos) e ás 12.00 (11-12 anos). Con inscrición!
De festa e cocido • En Cores-Nemeño, o de A Xolda: 14.00, con La Bamba, La Fábula e DJ Toni. Tamén é día de festa en A Silva: callos, carne, polo e música. O Quinteiro de Buño opta asemade por cocido e baile, ás 15.00 en Canta la Rana. Caión Rali fai o seu cocido, ás 13.00, no pavillón de Xermaña: ameniza Martín Carrión. E ás 22.00, na Escola de Vela, Festa do Cocido de Borneiro, co dúo Matices.