Silenciosas testemuñas dun esplendor... e dunha decadencia

Santiago Llovo CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Santiago Llovo, nunha imaxe tomada esta semana en Compostela
Santiago Llovo, nunha imaxe tomada esta semana en Compostela PACO RODRÍGUEZ

En primeira persoa | Escribe Santiago Llovo, investigador e escritor do mar e a súa historia | Os arquivos son o principal activo do meu novo traballo: «Corcubión, a súa historia salgada»

18 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen o ía dicir: o que comezou como unha simple curiosidade sobre o mar e a súa historia rematou cunha dedicación case obsesiva a saber máis e máis sobre como foi a vida na costa galega no pasado. Nunca pensei que eu, que dediquei toda a miña vida laboral a escribir e mover papeliños de carácter administrativo, co tempo chegase a desfrutar, e de que maneira, investigando e relatando historias de mar que estaban condenadas ao esquecemento.

Cómpre ter presente que a vida na Galicia costeira mudou radicalmente. Agora parece sorprendente a importancia que no pasado tiveron vilas como Corcubión. Baste lembrar que a diario fondeaban na súa rada embarcacións mercantes para cargar a sardiña procesada nos mais de 25 almacéns de salga que había neste pequeno concello. Con anterioridade ao século XIX os pataches e pinazas levaban as mercadorías ao entón Señorío de Vizcaya, e no torna viaxe traían maioritariamente trigo e ferro. Trala chegada dos autochamados fomentadores cataláns, as embarcacións eran mais grandes porque, entre outras cousas, as súas salgaduras tamén o eran. Para dar saída a esa maior cantidade de produto elaborado estes inmigrantes utilizaron embarcacións máis grandes e rápidas; estamos a falar de cachemaríns, polacras, bergantíns e mesmo corvetas. O destino das embarcacións tamén cambiou radicalmente, xa que estas embarcacións ían ao Mediterráneo, para volver con viño, augardente, xabón e sobre todo sal.

Daquelas embarcacións mercantes a vela non queda nada (é o que ten a madeira, que podrece), pero das salgaduras quedan, espalladas por toda a costa, moitas pedras, anaquiños do noso pasado e silenciosas testemuñas dun esplendor e tamén dunha decadencia. En moitos casos estas salgaduras erguéronse hai máis de 200 anos e deixaron de utilizarse para o fin ao que estaban destinadas hai máis de 100. Por este motivo non quedan persoas que nos informen de primeira man sobre elas. A miña experiencia demóstrame que a transmisión oral hai tempo que quebrou.

Os tempos en que ao carón da lareira as diferentes xeracións se informaban dos antecedentes familiares, económicos e sociais da contorna, xa non existen, e moitas veces a información chegou aos nosos días totalmente distorsionada. Para encher esas carencias e confirmar ou desmentir o transmitido oralmente, non queda outra que remexer nos arquivos municipais, eclesiásticos ou notariais. Ese é o principal activo do meu novo traballo de investigación, Corcubión, a súa historia salgada, libro que se presentará o vindeiro xoves 22 de xaneiro. Con esta publicación pecho unha triloxía sobre a sorprendente historia da industria da salga na ría de Corcubión. No 2023 publiquei unha sobre Fisterra, e no 2024 outra sobre Cee e Dumbría.

Santiago Llovo, noutra imaxe tomada esta semana
Santiago Llovo, noutra imaxe tomada esta semana PACO RODRÍGUEZ

Unha exposición de Ruth Matilda

A aventura deste Picheleiro de Esteiro (así foi como me definiu Rosa Quintana) no mundo da investigación histórica sobre o mar e as súas xentes comezou da maneira máis casual. Alá polo ano 2012, tras sufrir un revés no traballo que me «condenaba» a dispor de máis tempo libre, asistín a unha exposición de fotografías de Ruth Matilda Anderson na sala da entón Caixa Galicia, en Santiago. A exposición foi espectacular, opinión que con seguridade compartirán moitos galegos, xa que esta moza americana tomou a máis importante colección de fotografías antigas da nosa Comunidade, e a exposición estivo percorrendo Galicia meses.

De todas as fotos expostas houbo unha, tomada no Artón de Esteiro en 1924, que me fixo voar a imaxinación por mor dun universo que era totalmente descoñecido para min. Cando saín á rúa tiña claro que necesitaba saber máis de todos aqueles barcos alí retratados e da vida que había detrás. Unha cousa levoume a outra, ata chegar ao momento actual en que, xa xubilado, a investigación ocupa unha parte importante e enriquecedora da miña vida. Fun pasando ao ordenador toda a información que atopei nas fontes manexadas para, unha vez organizada e depurada, trasladala a diferentes proxectos que en moitos casos remataron en publicacións.

Nese contexto foi como me metín a relatar a historia da salga na ría de Corcubión. Unha historia sorprendente por descoñecida e chea de matices. O libro que se vai presentar o vindeiro xoves en Corcubión é unha viaxe a través do tempo na que se lle pon nome e apelidos a cada unha das pedras relacionadas coa etnografía industrial do salgado de peixe que houbo e permanecen espalladas pola beiramar deste concello. Existan ou non vestixios físicos de cada unha das salgaduras, a miña achega vai abordar as súas orixes, os sucesivos propietarios que tiveron ao longo do tempo, as infraestruturas con que contaban, os produtos que comercializaban e, no seu caso, as embarcacións mercantes asociadas a cada propietario. Tamén recolle abundante información sobre as familias, tanto cataláns como nativas, que dalgunha maneira tiveron relación con esta industria. Neste aspecto quero resaltar a inestimable axuda de varios veciños. Coa súa información, fun encaixando o apaixonante quebracabezas que supón este proxecto.

A partir de fontes de información practicamente inéditas, este traballo escarva nunha parte senlleira da historia de Corcubión, na procura de facer visible e de pór en valor este importante patrimonio que parece adormecido. Esperemos que unha xestión pública axeitada axude a dinamizar os diferentes lugares onde permanecen estas auténticas cápsulas do tempo que son as vellas fábricas de sardiña.

DNI

Santiago Llovo Taboada. Nacido en Compostela no ano 1957, é licenciado en Dereito. Agora xa xubilado, foi traballador da Administración Pública galega e, tal e como queda constancia neste texto, foi adquirindo paixón pola historia do mar, a súa investigación e a súa escrita, cunha cifra xa moi nutrida de obras. É o caso das que menciona vinculadas á ría de Corcubión, mais por proximidade xeográfica e vínculo ten feito tamén unha gran divulgación do entorno e pasado da ría de Muros e Noia.