O catedrático de Medicina Legal e experto en xenética foi homenaxeado no centro
13 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Isto faime moi feliz, máis ca se me desen un premio importantísimo». Moi emocionado, o catedrático de Medicina Legal e experto en xenética Ángel Carracedo compartiu a mañá de onte coa comunicade educativa do CPI As Revoltas de Cabana, centro que argallou todo un programa de actos para homenaxear ao investigador.
Logo de ser entrevistado por estudantes de secundaria para o programa escolar de radio, Carracedo trasladouse co estudantado ao laboratorio, onde fixeron varios experimentos científicos e onde se descubriu unha placa conmemorativa que outorga ao espazo o nome do xenetista xalleiro. A placa, de madeira e coa imaxe do investigador, foi feita no propio colexio. «O agradecido son eu. Faime moitísima ilusión. Quizais me confundín na miña vida, porque estaría encantado de estar aquí convosco como profesor de Bioloxía», comentou aos rapaces no momento da descuberta.
Ao longo da mañá, Carracedo puido reunirse co profesorado (entre o que se atopa a súa sobriña, Camino), co persoal non docente e co alcalde, José Muíño, e o tenente de alcalde, Carlos Allo, que acudiron en representación do Concello de Cabana.
A lectura de emotivos textos por parte de alumnado de primaria ou a proxección dun vídeo sorpresa cunha das cancións preferidas do investigador completaron o acto, no que tamén se lle fixo entrega dunha reprodución do dolmen de Dombate. Neste sentido, Carracedo sinalou que é un espazo que lle trae moitos recordos, pois foi dos primeiros lugares que visitou coa súa muller.
Dende o centro describiron o de onte como «un día para o recordo» e agradeceron ao profesorado que participou na organización do acto: Sandra, titora en terceiro de primaria; Susana, que se encargou da elaboración do vídeo sorpresa; Belén, mestra do departamento de Bioloxía, ou Camino, a sobriña do investigador, que facilitou o contacto con Carracedo. «Levábamos tempo querendo que viñese para facer algo con el, e estamos encantados. É unha persoa moi humilde, moitísimo, e vímolo moi emocionado durante toda a mañá», expresaron desde el equipo del CPI As Revoltas.