Fransy González, a música como resistencia, celebración e vida

Fransy González

CARBALLO

.

En Primeira Persoa | O meu maior tesouro é poder contribuír a que a música de Bergantiños siga viva

12 ene 2026 . Actualizado a las 00:00 h.

Aínda que nacín en Francia, filla de emigrantes galegos, a miña infancia transcorreu entre os 2 e os 6 anos en Carballo, na comarca de Bergantiños. A orixe da miña familia materna é bergantiñá, concretamente de Buño (Malpica). A miña avoa, Carmen de Buño, tiña unha froitería en Carballo que se chamaba Las Delicias. Era máis que unha froitería ou un ultramarinos: era un porto de abrigo. Ademais de ser tenda, ela ofrecía comida, bebida e, algunha que outra vez, aloxamento. Miña nai tiña o seu posto de froita no mercado da praza, que atendía polas mañás mentres eu ía á escola das monxas.

Esta podería ser a miña primeira lembranza se teño que falar da miña relación con esta terra: sentada nas escaleiras do negocio familiar, o mesmo pasaba o tempo observando a xente que por alí se achegaba ou enredaba con calquera xoguete que me daban. Percorremos as feiras, vendendo froita de festa en festa: Cerqueda, Cambre, San Fins do Castro… Ao remate da xornada xantábamos no campo. Crieime no medio de mulleres pertencentes a un matriarcado. A meu pai, apenas o vía, porque estaba traballando sempre fóra.

Aos seis anos trasladámonos a vivir a Arteixo, onde comecei a escola. Tiven a sorte de estar no momento xusto e no sitio axeitado para formar parte das persoas que fundaron a A. X. Xiradela, no ano 1982. Aquí comeza o meu contacto coa música tradicional.

Recibín na asociación clases de pandeireta, da man de Mercedes Peón e constituímos o grupo de Cantareiras Xiradela cando eu tiña 14 anos. Ademais de facer traballo de investigación, de recollida de campo, comecei a miña etapa como docente na A.X. Xiradela, na Escola Municipal de Artes Escénicas do Concello de Malpica, recorrendo todas as escolas unitarias de Mens, Beo, Barizo, Pontella, Buño, Leiloio, Cerqueda…, na A.C. Raigañas de Cerqueda, na A.C. San Xoán de Xornes, na A.C Cornamusa de Cundíns…

Unha imaxe feita en 1979 no xardín de Carballo, coa avoa Carmen de Buño, a curmá irmá Tania, e a nena é Fransy.
Unha imaxe feita en 1979 no xardín de Carballo, coa avoa Carmen de Buño, a curmá irmá Tania, e a nena é Fransy. .

Bergantiños é terra de pandeireteiras. Teño que falar das pandeireteiras de Mens (as máis vellas e as pioneiras da comarca), as pandeireteiras de A Imende, Cerqueda, Limiñoa, Cambre, Silván…que me ensinaron tantos e tantos cantares, maneos, muiñeiras, agharrados… A nivel persoal, marcaronme e deixaron unha pegada en min todas as informantes que atopei nesta comarca. Recordo á señora María de Estevo de Soutullo, a Visita e a Ramona, a Carme do Cura, ás irmás de Vilaverde de Cereo, á madriña de Guitián…que tanto me aprenderon; a miña verdadeira escola.

Tamén lembro con moito agarimo a dous homes bailadores, e tamén pandeireteiros, que tanto disfrutei cantando con eles: O Bonito da Ribeiriña e José de Vigho dos Toxos…Abriron as súas portas e as súas memorias para min. Aprendín que a música era a súa forma de resistencia, de celebración e de vida. Grazas a elas e a eles hoxe teño esta maneira de entender e facer o meu traballo.

Sempre me sentín recoñecida nesta terra. Tiven a sorte de cantar moitas veces nesta comarca, dar algún que outro pregón e sempre fun recibida con moito agarimo e un trato marabilloso.  Agora mesmo estou inmersa nun proxecto persoal Manhe. Parte deste repertorio nace da terra, da comarca de Bergantiños. É a miña homenaxe a esas mulleres que me formaron.   O meu maior tesouro é poder contribuir a que a música de Bergantiños siga viva, vibrando coa mesma forza coa que empezou a latir no meu corazón hai tantos anos.

DNI: Fransy González. (Grenoble, Francia; 1972). A súa orixe familiar está en Bergantiños, e viviu en Arteixo dende os seis anos. É unha das voces máis representativas da música tradicional de Galicia. Formou parte de Xiradela e investigou as raíces da música tradicional en Bergantiños, onde ademais deu clases. Ten traballado con Carlos Núñez, Dulce Pontes, Jordi Savall, Erik Marchand, Kepa Junkera ou The Chieftains, entre outros.