Coa súa revitalización recuperamos un xeito único de expresarnos como pobo | Escribe José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
10 ene 2026 . Actualizado a las 11:07 h.A regueifa está a vivir un merecido rexurdimento, o que supón unha moi boa nova para a nosa cultura, porque coa súa revitalización recuperamos un xeito único e singular de expresarnos como pobo e un valioso ben lingüístico e cultural, que enriquece potencialmente o noso patrimonio inmaterial.
Nesta eclosión tivo unha contribución incuestionable o traballo xeneroso de agrupacións, comunidades portadoras, veciñanzas e tamén iniciativas, como estes Premios Galegos da Regueifa [que hoxe acolle Carballo]. Este xeito de involucrarse inesgotable, constante e altruísta foi decisivo para non deixala esmorecer. Unha tarefa colectiva á que se sumou o pulo que precisaba: o acerto de dedicarlle as Letras Galegas 2025 á poesía popular oral e ás cantareiras, como xusto recoñecemento do valor, para a nosa identidade como pobo, deste tipo de manifestacións populares.
Nese intre, ninguén dubidou do atinada desta elección. E agora, tras o ano vivido en que toda Galicia significou e dignificou estas voces e cantos, pode asegurarse que se cumpriu, e coido que se superou, o éxito augurado.
Emociona ter comprobado a implicación de todos galegos e galegas con esta celebración, pero especialmente das xeracións máis novas. Convencido de que isto supuxo fortalecer e selar un cordón umbilical entre tradición e raíces coa innovación e vangarda, imprescindible correa de transmisión para manter viva calquera manifestación cultural, pero tamén lles confirmou o ilimitado potencial expresivo do noso idioma.
Neste punto, cómpre enxalzar o compromiso da mocidade co noso patrimonio cultural. Contamos cuns mozos e mozas que, cada vez en maior número, tal e como reflicte a súa participación nas regueifas ou neste certame, mellora a oralidade da lingua creando, improvisando e xogando coa musicalidade e destreza que lle ofrece unha linguaxe única, o galego.
Mais non debemos situarnos no conformismo. Desde o Goberno galego traballamos arreo en que este maior uso e prestixio que está vivir o noso idioma coa regueifa tamén se estenda a todos os ámbitos nos que se desenvolve, actúa e desfruta a xente moza.
É unha declaración de principios, mais tamén de feitos, como demostra a política lingüística que practicamos, á que seguimos a darlle máis oxíxeno orzamentario, mantendo para este 2026 a senda de crecemento co incremento nun millón de euros, ata chegar aos tres millóns, da partida destinada a accións de dinamización para seguir fomentando que o galego medre e se prestixie aínda máis, e en todos os eidos.
O camiño e estratexia seguidos coa regueifa son un espello onde mirarnos e un bo exemplo a seguir, tamén na implicación e unión conseguidas entre Administracións, institucións, colectivos e sociedade para recuperala e enxalzala á altura do seu importantísimo valor para o noso idioma, a nosa cultura e a nosa identidade como pobo. Ninguén cuestiona que a nosa lingua, o noso gran tesouro, conta coa mesma forza e con todos estes mesmos aliados para seguir traballando con ela e por ela.