Evencio Ferrero, exalcalde de Carballo: «Agora durmo mellor»

Santiago Garrido Rial
S. G. Rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Arroupado por Ana Pontón, Evencio recibiu dos seus compañeiros un carballo de Sargadelos que se adoita entregar aos condecorados polo Concello e un cadro pintado a man a partir dun retrato da fotoxornalista de La Voz, Ana García.
Arroupado por Ana Pontón, Evencio recibiu dos seus compañeiros un carballo de Sargadelos que se adoita entregar aos condecorados polo Concello e un cadro pintado a man a partir dun retrato da fotoxornalista de La Voz, Ana García. BASILIO BELLO

Hai case tres meses que deixou o seu cargo, e confesa que non o bota nada de menos. Recibe mostras de afecto de moitos veciños

01 ene 2026 . Actualizado a las 10:36 h.

En breve serán tres meses dende que Evencio Ferrero deixou de ser alcalde, tras 22 anos, e 46 de edil.

—Nun artigo que escribiu na Voz hai xusto un ano, pechaba cun desexo: «Que este novo ano nos permita subir a un tren de ilusión que non queremos perder», en relación a proxectos en marcha. Cre que Carballo está a subir a ese tren?

—Sen dúbida. Eu creo que en Carballo estase demostrando esa vitalidade, esa iniciativa, esa creatividade e esa ilusión. Creo que se está conseguindo, e agardemos que se mellore aínda máis no futuro.

—Case cen días fóra. Como o leva?

—Pois de momento moi ben, e esperemos que siga así moito tempo. Hai moita xente que me pregunta, e eu agradezo o excelente trato, a acollida e o cariño. Só teño palabras de agradecemento para todos, independentemente da ilusión ou da ideoloxía de cada quen. Recibín parabéns de xente de todo tipo e de distintos ámbitos políticos, o que nos fai estar máis tranquilos co traballo que se fixo ata agora.

—Arrepíntense, bótao de menos?

—Non, en absoluto. Eu creo que chegou un momento no que había que tomar unha decisión. Cumprir 70 anos era unha data simbólica, un punto de inflexión.

—Pero sería normal botalo de menos.

— Teño falado con moita xente neste tempo, con persoas que deixaron responsabilidades e que si botaban moito de menos a actividade ordinaria. No meu caso foi un proceso moi meditado. Inflúe tamén toda esa mostra de cariño e recoñecemento de moitísimas persoas. Non boto de menos o estrés constante, o teléfono soando cada dous por tres, ir ao despacho continuamente.

—Os cambios no día a día.

—Si. Os ritmos son completamente diferentes. Pero eu xa dixen que non era unha retirada, senón un paso ao lado. Sigo asistindo ás reunións do grupo de goberno, sigo colaborando, ás veces como asesor en cuestións concretas. É unha nova forma de comportamento político, pero sen asumir ningunha responsabilidade directa, o que dá moita máis tranquilidade. E algo moi importante: agora durmo moitísimo mellor.

«Totalmente descartada a volta á política en primeira ou segunda liña»   

No vindeiro ano e medio irán chegando citas electorais. Como membro moi destacado do BNG, igual vai nalgunha.

—Vostede irá nalgunha lista?

—Se é na candidatura municipal e se se me pide figurar, non tería problema en ir en postos de peche, sen asumir responsabilidades. Pero non volverei asumir ningunha responsabilidade en ningunha lista nin en ningunha Administración.

—Nin Senado, nin Parlamento galego, nin Congreso… Nada diso?

—Nada, nada. En absoluto. Está totalmente descartada a volta á política en primeira ou segunda liña. Seguirei activo politicamente como colaborador e militante, pero non asumindo novas responsabilidades.

—Tanto se di que o Senado é un bo broche final.

—Non entra dentro das miñas opcións. Ademais, sería unha responsabilidade que non tería capacidade nin interese en asumir. A min gústame a xestión do día a día, resolver problemas concretos. Eses grandes debates políticos, tal e como está agora a política, non me atraen. Eu creo que a política ten que ser outra cousa.

—Neste tempo que leva fóra da alcaldía, a que se dedica especialmente?

—A ler, sobre todo. Leo máis agora que lin en todo o resto do ano. Estou buscando novos libros e levando un ritmo de vida máis relaxado, facendo cousas que me gustan e disfrutando dun tempo diferente.

—Como ve o traballo do sucesor?

— Eu agradezo que asumise a responsabilidade e estao facendo excelentemente. Agardo que os veciños tamén o recoñezan e que se vexan identificados nun proxecto que é de equipo.