Está Analía Plaza arrasando en redes co seu novo libro, un que acada repercusión seguramente ca polémica, sen maior aliciente ca dicir que os xubilados viven a gran vida. É certo que os millennials ou xeracións z teñen grandes dificultades para adquirir vivenda ou ter un soldo digno, en contraposición da súa formación.
Non obstante, dicir que os maiores viven unha vida de luxo é unha quimera. Na maioría dos fogares, estas persoas non gozan de grandes privilexios; ao contrario, adoitan contribuír á economía dos fillos en cartos ou en tempo de coidados cos netos. De feito, eu nunca vin a meus avós darse un gran capricho ou mercar algo que non fose por estricta necesidade. Hai que comprender que as xeracións de antes saben o que son os tempos bos e os daS vacas fracas. No mundo no que vivimos, non hai fame coma antes, pero habita outro mal peor de erradicar: a desigualdade. Fíxense pois que as grandes cidades están cheas de luces que custan millóns, pero dentro dos fogares hai xente que non pode prender a calefacción ou comer un prato que non sexa frío.
Preto dun 30% dos nenos de España están en risco de pobreza e exclusión segundo fontes como Unicef e seguimos primando unha foto chea de brillos á realidade das familias. Din que se Xosé e María quixesen volver a Belén sería imposible, polos asentamentos e controis de Israel. Máis de dous mil anos despois, o mundo que habitamos é máis xélido e duro que o de Poncio Pilato. Somos máis intolerantes, racistas e violentos ca nunca. Como seres humanos fallamos en valores e, por desgraza, seguimos sen entender que o importante do Nadal non é a parafernalia que o rodea. A ver se imos aprendendo.