Teatro, música e libros para este venres na Costa da Morte

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

A teteira de Kabul poderá verse hoxe en Coristanco
A teteira de Kabul poderá verse hoxe en Coristanco

Sen plan para este 28 de novembro? A comarca ofrece todos estes, malia terse aprazado a obra teatral de Malpica

28 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Venres intenso na Costa da Morte, onde o outono segue sendo tempo de dramaturxia, pero tamén doutras disciplinas, como estas que seguen a continuación:

A Laracha • Máis teatroAvanzan os Venres Teatrais na Casa da Cultura. A proposta de hoxe pasa por Nas nubes, de Redrum Teatro. Acceso libre e de balde.

Carballo • Concerto de Uxía • Ás 21.00 horas, no Pazo, con acceso de balde. Ver entrevista aquí

Carballo • Presentación literaria • Nova cita en Espiral Maior Foro, desta volta ás 20.00 e para coñecer polo miúdo o libro Obras públicas, de Marcos Lorenzo. Canda el estarán Rosalía Fernández, tamén escritora, e Santi Pazos, sociólogo. Acceso libre.

Cee • Curtametraxe • No auditorio Baldomero Cores, ás 11.00, alumnado dos institutos asiste á proxección da curta sobre acoso escolar Ratiña. Na pantalla, Luís Tosar, Carmen García e Sara Ferro. O encontro inclúe coloquio posterior coa directora, Alicia Úbeda, quen recolle nesta peza unha historia baseada en vivencias propias.

Coristanco • Teatro familiar • Dentro do programa do 25N, no salón de actos, ás 17.00 horas, espectáculo A teteira de Kabul, con Xarope Tulú. Teatro arredor do respecto, a convivencia e a igualdade. Acceso de balde.

Camariñas • Contos na Ponte • No CEIP A Ponte do Porto, máis concretamente, e igualmente dentro da programación do 25N: Pippi Mediaslongas, a nena máis forte do mundo, ás 10.30 horas.

Cee • Solidariedade con PalestinaActividade de 17.00 a 19.00 na Casa da Cultura. Promove COAP Costa da Morte.

Aprazamento en Malpica

Con respecto á axenda cultural de hoxe cabe indicar, doutro lado, que a función prevista para hoxe ás 20.30 dentro da Mostra de Teatro de Malpica, Mulleres que viven soas, tivo que ser adiada. A función de Berrobambán ofrecerase noutra data, que será debidamente comunicada.