Paula Quintas: «Carballo é un lugar no que se aposta polas artes en movemento»
CARBALLO
A danza terá un papel protagónico na recta final da trixésimo cuarta edición do FIOT
29 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A trixésimo cuarta edición do FIOT botará o pano esta semana cunha última xeira de propostas entre as que se inclúe unha «conferencia en movemento» da artista multidisciplinar Paula Quintas, no marco do OTNI. Será hoxe, no Pazo (20.00 horas) e con acceso gratuíto. Así o explicou a coreógrafa e bailarina en Radio Voz Bergantiños:
—Benvida de novo, Paula! Xa ten pasado polo FIOT, pero tamén vén a miúdo polo programa Primavera enDanza. Carballo é, dende logo, un bo lugar para esta disciplina.
—É que Carballo é un lugar no que se aposta polas artes do movemento, e máis concretamente, por eses espectáculos «non identificados».
—«Desde o corset á danza vertical: do rigor clásico á liberdade aérea contemporánea»: ese é o título. Que é o que propón nesta primeira cápsula?
—Esta primeira cápsula entronca cunha tese doutoral que estiven a facer na Universidade de Vigo e na que levo cinco anos traballando. Faime moita ilusión, porque estamos en coprodución coa equipa que tedes aí no Pazo e Carmen [Castro] apoioume dende o principio, dende que lle comentei a necesidade de achegar ao público a diferenza, ou non, da parte histórica da danza e do circo contemporáneo. Que é iso do circo contemporáneo? Por que chegamos a ver determinadas prácticas escénicas? Cando hibrida e cando non?
—Descríbeo como un percorrido vivo e poético pola historia da danza e do circo.
—Si. É complexo resumir o traballo de varios séculos, e de aí o título: dende ese corsé que nos leva á corte de Luís XIV ao momento actual, ao 2025.
—O proxecto está aínda en desenvolvemento. Que fases quedan por diante?
—Polo momento vamos probar. Ante todo, considero que a idiomática do academicismo debe poder compartirse co público con palabras máis cotiás para achegar á xente esa bagaxe histórica. Polo demais, non sabemos moi ben por onde irá concretamente o proxecto, pero queremos ir desencorsetando partes da nosa historia. Facemos artes vivas e, por conseguinte, está sempre en constante cambio.
—Que verá o público hoxe?
—Haberá palabra, imaxe e corpo. E acompañarame un equipo fantástico como son Vivian Friedrich, dramaturga de circo e danza contemporánea moi prestixiosa; Rut Balbís, tamén na dirección, e Fran Rodríguez Casas, que se encargou do deseño audiovisual.
—A quen convidamos a asistir?
—Precisamente é para todo o público. Facemos este percorrido histórico para compartilo, vivilo e experimentalo en directo estando o corpo tamén accionado. Oxalá nos acompañe moita xente e poidamos ter tamén ese feedback do público para seguir experimentando no proxecto.
—Bailarina, creadora, coreógrafa, directora artística... Cal diría que é o seu selo?
—Traballo moito sobre os límites, a proximidade e a parte experiencial do público. Precisamente, para facer ese intercambio de diálogo nestes tempos actuais.