A portada da carta de Casa Lestón reza: «Cociña centenaria, familiar e honesta desde 1917». Non é un slogan, xa que resume os valores que sostiveron a alma desta casa de comidas xeración tras xeración. Cumprir 108 anos como restaurante familiar non é só alcanzar unha cifra: é unha proba viva de que os principios, cando se cultivan con dedicación e amor, poden perdurar máis aló do tempo.
A Casa Lestón, fundada en novembro de 1917 polos meus bisavós Manuel Marcote Lestón e María Suárez, converteuse desde entón nun símbolo de constancia, esforzo e honestidade. Ao longo de catro xeracións, esta casa soubo adaptarse sen perder a súa esencia.
Os avós, Bautista e Anita, e máis tarde os nosos pais, Amparo e Alberto, transmitíronnos unha forma de entender a vida dedicada ao servizo hostaleiro, baseada no respecto polo produto da terra, o agarimo polo oficio e o trato moi próximo ao visitante, coma se fose parte da familia. Os cinco irmáns, Alberto, Julio, Ana, Palmira e Iago, medramos naturalmente entre pratos, fogóns, conversacións no comedor, partidas de cartas ou discusións futboleiras ou políticas no bar; coa ledicia do comezo do verán ao recibir aos turistas xa da familia, coa ilusión de coñecer outros novos, e coas tristes despedidas do final da tempada.
Sen darnos conta, medrabamos absorbendo o espírito da casa a través do traballo e o exemplo diario, que nos transmitían os nosos pais e avós.
Alberto, o irmán maior, asumiu con naturalidade o relevo xunto á súa esposa, Maribel. Son eles quen hoxe están á fronte de Casa Lestón, mantendo viva a súa esencia coa mesma entrega, respecto e dedicación que nos ensinaron os nosos maiores.
De forma natural, cada un tiñamos a nosa función desde pequenos na casa familiar, impregnados do espírito de hospitalidade sempre presente. Esa aprendizaxe, baseado no agarimo cara a cada persoa que sentaba á nosa mesa, marcounos profundamente.
Tanto, que aínda despois de finalizar os nosos estudos, acabamos a maioría dos irmáns dedicándonos a este oficio que os nosos antepasados nos ensinaron a amar. Hoxe, vivímolo con orgullo e convicción, sabendo que temos o privilexio de exercer o que para nós é o traballo máis bonito do mundo: facer que cada persoa que nos visita viva unha experiencia especial, auténtica e con alma.
Julio Castro Marcote é actualmente dirctor do Parador Costa da Morte, en Muxía.