
O Abaladoiro | Pandeiretas, gaiteiros, fogos aéreos coas cores da bandeira galega... Non lle faltou de nada ao enlace de Silvia Cotelo e Perfecto Vázquez
19 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Silvia Cotelo Souto e Perfecto Vázquez Rivera, de 39 e 42 anos, festexaron o sábado por todo o alto o seu amor entre Sofán e Artes. Casaron no propio Día das Letras Galegas e quixeron levar a efeméride á súa celebración. Lográrono, ademais, con creces.
Houbo gaiteiros tanto na igrexa de San Salvador como no Pazo de Vilar de Francos. O noivo quería escoitar ese son nesta data tan sinalada e os invitados cumpríronlle o desexo. Actuaron Os da Veira do Monte, de Vilaboa, Culleredo.

A entrada á histórica mansión foi espectacular, con fogos aéreos coas cores da bandeira galega: azul e branco, pois. Cada convidado tiña indicado o seu sitio na mesa a través dunha pandeireta pequena co seu nome. «Ao coincidir nese día, quixemos facelo todo temático coas Letras», explicaba a noiva horas antes de pasar polo altar. Ela é de Sofán, e el, de Canduas, Cabana. Coñecéronse no traballo, un almacén na Coruña dun grupo asturiano, e sentiron un frechazo. Así o conta ela. Diso hai tan só dous anos. Tatuador, vídeos en 360 graos... Non faltou detalle na voda das Letras.