
Arrincou cunha xornada na que participaron alumnos de Carballo e A Ponte do Porto, mais a idea é expandir a iniciativa a toda a comarca
06 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.En torno a sesenta mozos dos institutos de Carballo e do IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto participaron onte no arranque da primeira liga escolar da regueifa, unha iniciativa que pretende expandir o gusto pola improvisación oral aos centros educativos.
Carme Fernández, docente de Lingua no centro porteño, alumna da Escola da Regueifa de Carballo e participante en varias edicións do certame Espalla Rimas de La Voz de Galicia —nos que concursou co nome artístico de Carme de Lonxe— explicou en Radio Voz que a proposta xurdiu ao haber varios profesores implicados coa improvisación oral en Bergantiños. «Inspirados pola Liga da Regueifa de Carballo, decidimos organizar algo no instituto e convidar a tódolos centros a sumarse á iniciativa», engadiu.
Desta banda só puideron sumarse estudantes de Carballo, mais xa houbo outras institucións educativas de Bergantiños e Soneira que manifestaron o seu interese en participar en vindeiras edicións. «Finalmente, fomos sobre sesenta rapaces e oito profesores e foi unha xornada ben completa», explicou a profesora.
Os carballeses chegaron ao Pedra da Aguia arredor das nove e media da mañá, e dende entón participaron en distintas dinámicas de improvisación conducidas pola coristanquesa Lupe Blanco. «Foron xogando con fórmulas como o pé quebrado, convidóuselles a rimar con palabras completas e a facer coplas de presentación, e ata tiveron que sacar obxectos dunha caixa sorpresa, cos que despois regueifaron», indicou Carme, gratamente sorprendida co nivel que amosaron os rapaces.
Estiveron representados mozos de primeiro, segundo e terceiro curso de educación secundaria, e ao finalizar participaron nun obradoiro de baile ao son de gaita, rematando cunha divertida foliada.
«Para ser o primeiro ano, foi un nivel moi bo e desexamos que [a iniciativa] se manteña no tempo. A idea é crear unha liga da regueifa da Costa da Morte, ir estendéndonos», concluíu a tamén improvisadora Carme de Lonxe.