Carballo aumenta ata os máis de 10.000 euros a cuantía do seu concurso de entroido

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

O Concello ten abertos tamén os prazos de participación nos certames Xosé Manuel Eirís e cartel de San Xoán

04 feb 2025 . Actualizado a las 17:18 h.

Apenas unhas horas despois de divulgar os certames Xosé Manuel Eirís —de fotografía— e do cartel para San Xoán, o Concello de Carballo vén de lanzar unha terceira convocatoria para a participación da veciñanza, neste caso o concurso de comparsas, carrozas e disfraces de entroido, que este 2025 verá incrementada de novo a súa contía de premios en máis de 1.000 euros, ata superar os 10.000. Os importes que máis soben son os destinados á categoría de carrozas, con axudas que chegan aos 300 euros, un primeiro premio que sobe aos 1.000 e un terceiro que se engade como novidade este ano, por 350.

Dos 10.000 euros que repartirá o concurso, máis de 4.500 estarán destinados a gratificacións por participar: á marxa dos 300 euros para carrozas, 125 euros para comparsas infantís, 125 para comparsas de adultos de menos de 25 membros, 200 para as que superen esa cifra. Concederanse un máximo de vinte gratificacións, para os 20 primeiros inscritos. O resto distribuirase en 17 premios, con ata 1.000 euros ademais en accésits:

  • Infantil (ata 14 anos): 300, 150, 100 e 60 euros para comparsas, 110 euros nun premio único a grupo; así como 90, 70 e 50 para individual.
  • Adultos: 1.000, 600 e 350 euros para carrozas; 700, 400 e 200 para comparsas; 125 nun premio único para grupos, e 60 euros ao mellor disfrace individual.
  • Cen euros levará, doutro lado, o Premio Especial Choqueiro de Bergantiños, pertenza á categoría infantil ou adulta.

En calquera caso, xa está aberto o praza do inscrición, podendo realizarse nas oficinas de Cultura do Pazo da Cultura ou no rexistro do Concello. Comparsas e carrozas teñen ata o 26 de febreiro para facelo, mentres que grupos, parellas e individual terán tempo ata unha hora antes do inicio do desfile, un dos máis arraigados: será o domingo 2 de marzo, na Praza.

Ata o 26 de marzo para o certame Xosé Manuel Eirís

O 27.º Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, convocado tamén polo Concello de Carballo, repartirá 3.050 euros en premios nesta súa convocatoria do 2025: 1.500 para o primeiro posto, 750 no segundo, patrocinado pola Fundación Luís Calvo, 500 para o Premio Especial Carballo, cortesía de Interfilm, e un máximo de 300 en accésits. Está o prazo de participación aberto —ata o 26 de marzo— e as bases divulgadas na web municipal. A destacar, que os traballos deben ser orixinais e recentes, e que cada autor poderá presentar ata tres obras.

San Xoán

Cun único traballo, por outra banda, poderase participar no concurso do cartel das festas de San Xoán, as patronais. Neste caso, o premio será de 500 euros, patrocinado por Opticalia Enríquez, e o prazo quedou aberto o luns, ata o 17 de marzo. Bases publicadas na web www.carballo.gal.