O Nadal e as Cantareiras das Letras Galegas 2025

Xosé Varela

CARBALLO

ANA GARCIA

Texto íntegro do pregón de Nadal ofrecido polo escritor e docente Xosé Manuel Varela na parroquia San Xoán Bautista de Carballo

22 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O tempo de Nadal artella as nosas relacións de vida e tamén sociais. Dános a benvida co nacemento e a adoración do Neno Xesús pero tamén nos leva a despedir o Ano Vello e a recibir con esperanza o Ano Novo. O 2024 vai cumprindo cos seus últimos alentos e o 2025 agarda por nós cos seus cueiros de bebé a piques de vir ao mundo. Na súa sesión plenaria do pasado mes de xullo, a Real Academia Galega acordou dedicar as Letras Galegas do 2025 ás cantareiras. Máis en concreto, ás pandeireteiras da Costa da Morte.

Da parroquia de Mens, concello de Malpica de Bergantiños, elixiu as irmás Asunción e Prudencia Garrido Ameijenda xunto con Manuela Lema Villar. Do lugar de Agranzón, parroquia de Ozón, concello de Muxía, a descoñecida por moitos Josefa Eva Castiñeira Santos. Da aldea da Vila da Igrexa, concello de Cerceda, a tía e sobriña Adolfina Casás Rama e Rosa Casás Rama, compartían apelidos.

Estas seis protagonistas representan o papel imprescindible que miles de mulleres galegas cumpriron ao longo de varios séculos para manter o noso legado da oralidade, composto por melodías, poesía ou bailes populares entre outras manifestacións. A estas seis cantoras e poetisas recolléronselle melodías e cántigas de muiñeiras vellas, muiñeiras novas, muiñeiras punteadas, xotas ou maneos, valses, agarrados, pasodobres, chotis, comparsas, cantos de Nadal ou de Reis e arrolos. Mirade que importante tesouro conservaron estas nosas mulleriñas da aldea, pero ALDEA con maiúsculas.

O grupo máis estable das pandeireteiras de Mens, Teresa da Canóniga, Adelia da Gaga, Asunción de Beán, Prudencia de Beán e Manuela da Benita, durante os anos 70 e 80 do século pasado foron as nosas Old Tanxugueiras, as nosas Vellas Tanxugueiras. Precisamente o seu nome artístico era o d’As Vellas de Mens. Bautizáronas así por como ían vestidas (de roupa escura), polos seus cantos e bailes arcaicos e pola súa maneira de tocar a pandeireta co puño pechado. Desque subiron ao escenario do Teatro Colón da Coruña en maio de 1972 pisaron escenarios de toda a península ibérica, Francia e mesmo Arxentina. As Vellas de Mens foron as primeiras pandeireteiras que que subiron a un escenario cun grupo folclórico. Da man do mestre de baile Manuel Cajaraville da A.F. Aturuxo da Coruña abriron un novo camiño no campo do folclore galego.

Josefa Eva Castiñeira Santos, veciña do rural de Muxía que se instalou no lugar de Loureiro, parroquia coruñesa de San Pedro de Visma, xunto coa súa irmá Engracia, foron as primeiras pandeireteiras en subiren a un escenario cun grupo folk. Nada máis e nada menos que co mítico grupo Milladoiro. O seu ronsel seguiríano despois grupos como Leilía.

Rosa e Adolfina, por Dorothé Schubarth, ano 1980 / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO
Rosa e Adolfina, por Dorothé Schubarth, ano 1980 / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO DOROTHÉ SCHUBARTH / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO

Adolfina e Rosa Casás non pisaron escenarios, non compartiron bailes con grupos folclóricos. Elas só cantaban e bailaban en fiadas, en mallas e nos tempos de Nadal e de Reis. Destas seis cantareiras das Letras, Adolfina e Rosa son as únicas que nos legaron cantos destas festas que hoxe comezamos. Do seu «Canto de Reis» só se conserva un fragmento que corresponde con estes versos:

Xa saíron do Oriente

tres reis en compañía

guiados por unha estrela

que a Belén leva a guía.

A estrela que os guiaba

máis que o sol resplandecía.

Por fortuna a investigadora suíza Dorothé Schubarth, autora do Cancioneiro popular galego, recolleulles un Canto de Nadal enteiro, propio para interpretar noutrora polas portas das casas das nosas aldeas e vilas. Di así:

A Virxe María,

san Xosé tamén,

ían camiñando

de cara a Belén.

Son amantes firmes

que polos camiños

íanse falando

con grandes cariños.

Palabriñas santas,

dignas de adorar.

Din que a Belén queren

con día chegar.

Foron camiñando;

moi logo encontraron

con dous pasaxeiros

a quen preguntaron

se cara a Belén

n’hai camiño dreito;

que lle contestaron

con moi pouco xeito.

«A onde camiña,

quixera saber,

un home de noite

con unha muller?»

«Se, porque bonita

non hai outra igual,

pensas que é roubada,

pensades moi mal.

De que é miña esposa

testemuño teño.

Se o queredes ver,

logo volo enseño».

Foron camiñando;

moi logo encontraron

con un portal vello

en onde petaron.

Fixeron proxecto

de alí se quedar

porque non podían

xa máis camiñar.

Pola media noite

naceu o neniño;

entre pallas e herba,

o Verbo divino.

Cara máis bonita,

rostro máis florido

non o puxo Deus

en home nacido.

Que é fillo da Virxe

non ten que dicir!

Que veu a este mundo

pra nos redimir!

A Real Academia Galega quixo facer protagonista das Letras a estas seis cantareiras do rural. Mais ben vemos que son e serán protagonistas en todos os momentos do ano. Esta riqueza de cantos de Nadal así se encargará de recordárnolo.

* Pregón de Nadal pronunciado este sábado pola noite na parroquia San Xoán Bautista de Carballo polo docente e escritor Xosé Manuel Varela. Xunto coa súa filla Icía, pandereteira, publicará na entrada do novo ano o libro Cantareiras (Xerais).