Fernández Coto, arquitecto: «Hai 50 ou 20 anos a calefacción era secundaria nas vivendas»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Especial Calefacción | Hoxe iso mudou, e sobre todo incide o profesional na importacia do illamento para a confortabilidade dunha vivenda

30 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

No aporte de calor a un fogar entran en xogo moitas variables, e a da humidade en Galicia, polo tanto na comarca, é un delas. Un factor co que hai que xogar á hora de elixir calquera sistema, asunto sobre o que dá claves Carlos Henrique Fernández Coto (A Estrada, 1960), arquitecto especializado en patrimonio cultural, rehabilitación e rexeneración urbana.

—Canto importa a calefacción á hora de deseñar unha vivenda?

—Coa entrada en vigor da Axenda 2030 europea, a calefacción, o acondicionamento, pasa a ter un papel máis relevante. Hai 50 e hai 20 anos a calefacción era un asunto secundario, as casas empezaron a illarse ben hai pouco, pero agora si se fai fincapé niso. Hoxe mírase a eficiencia enerxética, que a piden incluso para arrendamentos. Estase tendendo cara o autoconsumo, esa eficiencia de consumir menos e aproveitar máis os recursos da casa. Paneis solares, aerotermia, xeotermia... Xa se ensaian as casas pasivas, aquelas que non teñen necesidade de abastecerse de fóra, elas mesmas o fan. Hai aínda moi poucas, porque falamos de altos custes, cartos que a xente en xeral prefire ou prefería destinar ao, digamos, bonito. Uns bos azulexos, baños con hidromasaxe que logo non se usan... [ri].

—Pero o illamento é básico.

—Un bo, ademais de aforrarnos moitos cartos despois en quentar, fai máis confortable a casa. Canto máis gastemos en illamento, máis cómodos estaremos nela.

—E en canto á calefacción?

—A súa función é quentar no menor tempo e que se manteña a calor o maior tempo na vivenda. Ollo, que falamos tamén de climatización do aire acondicionado, que agora coa suba de temperaturas xa se está empezando a precisar. En Galicia, con todo, temos experiencia como pobo coas casas máis eficientes de España.

—Por que motivo?

—Na casa tradicional poñíase unha parra diante, na fachada sur, e todo o verán tiñámola fresquiña. Facíanse casas con 60-70 centímetros de muros de pedra, iso era infranqueable: con pouco que quentaras por dentro, as paredes gardaban toda a noite. Na vivenda urbana, o método era a galería. Con independencia disto, se tes unha casa na que botas 3/4 horas quentándoa e arrefría en dúas, é porque non ten o illamento suficiente.

Casa Ladeira, en Valdoviño. Casas pasivas
Casa Ladeira, en Valdoviño. Casas pasivas

—E na rehabilitación dunha vivenda de aldea? Faise máis difícil?

—Se é de pedra, hai que aproveitar esa vantaxe, con paredes de 60-70 centímetros, ten unha masa térmica incrible. Son moito mellores das que se constrúen hoxe, termicamente, agora como moito levan 20 centímetros de algo cerámico, logo o illamento, e logo outra parede. Non é o mesmo.

—Hoxe hai múltiples opcións de quentar. Cal cre que é a máis demandada, nos proxectos que fai?

—Segue a selo, diría, a de gasóleo, porque ademais a eléctrica continúa tendo un prezo que nunha vivenda grande pódete arruinar. E se por riba non está ben dimensionada... A de gasóleo entra dentro dos canons de gasto dunha familia... Tamén está o gas, pero persoalmente paréceme menos seguro.

—Vaiamos á beira do mar. Como quentar sen bo illamento?

—Se o illamento que ten a vivenda, se o ten, é do que se colocaba, ao mellor, nos anos 70-80, entón nunca acabas de quentar ben a casa. O que se está a facer nestes casos, e hai subvencións para iso, é colocar por fóra do edificio unha pel [SATE], un xeito de envolvelo. Non é aínda así o óptimo, pero marcha menos a calor.

—Innovamos na construción?

—Non. As casas de madeira son quentiñas, pero a xente di que hai que mantelas. Está a bioconstrución, só unhas dez casas en Galicia, feitas con pacas de palla e barro por fóra. En Centroeuropa úsase máis, igual que os tellados de palla. En Alsacia, Alemaña... Hai que cambialos cada tanto pero están moi preparados para o frío: se en Carballo hai 7 grados, ao mellor alí teñen -12, pero están máis quentes. A cultura do mantemento levámola mal, somos máis de ladrillo e cemento. E logo está a importancia de elixir as ventás: se che dan unha de 800 e outra de 1.500 seguramente escollas a primeira, pero eses 700 afórralos despois en calefacción en nada de tempo.