A Rosalía influencer, a Pardo Bazán que busca emprego ou a María Casares que fai un casting: «As R(h)umorosas» chegan a Cee

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ETIQUETA NEGRA PRODUCIÓNS

Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro revisan en clave de comedia as vidas de grandes mulleres galegas. O espectáculo, este sábado no auditorio da Casa da Cultura

27 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha Rosalía de Castro influencer, unha Emilia Pardo Bazán que ten que superar unha entrevista de traballo, unha María Casares que toma parte nun cásting... A través de situacións así de cómicas, Etiqueta Negra Producións achegará este sábado ao público ceense a vida e traxectoria de varias das mulleres máis relevantes da historia galega.

Sobre as táboas, interpretando As R(h)umorosas, Ledicia Sola, Carmen Méndez e unha actriz e presentadora con fondas raíces na Costa da Morte: Marta Doviro. Esta representación será, segundo dixo nunha entrevista en Radio Voz Bergantiños, unha oportunidade para «volver pola terra» logo de varios meses de ausencia por motivos de traballo. «Paso os veráns en Corcubión e faime moita ilusión ir actuar á vila do lado, onde estudei e onde teño aínda moitos compañeiros», apuntou Marta, que animou tamén aos seus veciños corcubioneses a saír a dar «un paseíño» ata a vila lindeira para vela sobre as táboas. «Moito pateei eu ese camiño para ir ao instituto ou para volver de marcha!», rememorou durante a súa intervención radiofónica.

Nesta obra, que dura pouco máis dunha hora, as tres actrices renden homenaxe non só a esas mulleres de renome, senón tamén «ás mariscadoras, ás gandeiras, ás nais, ás avoas...», di Marta. Ás mulleres, en xeral, e ofrecendo un completo espectáculo no que cantarán, tocarán instrumentos, bailarán e mesmo terán un karaoke.

As tres escriben, dirixen e interpretan esta peza, mediante a cal levarán ao escenario do auditorio Baldomero Cores, na Casa da Cultura ceense, a historia de seis mulleres senlleiras, representando así mesmo un posterior coloquio —ao máis puro «estilo Sálvame», bromea Marta— no que abordarán moitas máis e durante o cal falarán «das vidas desas ilustres». «Gustaríame que se achegase sobre todo a chavalada, pois seguramente sexan nomes que lles soen, pero non teñan moi claro que foi o que fixeron. Niso afondaremos», comenta a actriz.

A peza poderá verse este sábado ás oito da tarde, e as entradas xa están dispoñibles na plataforma de venda Ataquilla ou na Biblioteca Municipal Francisco Mayán de Cee, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas. Será a derradeira oportunidade desde ano 2024 para ver As R(h)umorosas, canto menos na Costa da Morte, aínda que existe a posibilidade de que no vindeiro 2025 haxa algunha función na comarca, comentou Marta en Radio Voz.

Agárdalle a esta actriz e popular presentadora unha intensa semana de representacións, pois mañá, xoves, estará por Ribeira cun espectáculo de improvisación teatral en compañía de Sheila Fariña e Susana Sampedro. E xa o venres, visitará A Cañiza co seu monólogo Memorias dunha rapasa da Costa, un texto que, como xa ten contado á Voz hai un tempo, recolle «raíces e anécdotas ligadas ao carácter da Costa da Morte. Meu pai de médico en Muxía, como recibimos aos turistas e peregrinos, vivencias... Nunha segunda parte hai faceta profesional, como o meu gusto polo cine», comentou Marta no seu día.

Ela medrou entre Corcubión e Muxía e ten avós de Brandoñas e do Viro, sendo precisamente desta última localidade da que adoptou o seu apelido artístico, pois ela, en realidade, chámase Marta Pérez Torre.