O hotel-restaurante de Balarés e o Bela Fisterra levan dous dos Premios do Turismo da Deputación
CARBALLO
Gañaron onte nas categorías de innovación e sostibilidade
09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Dous proxectos da Costa da Morte foron recoñecidos na primeira edición dos Premios de Turismo da Deputación da Coruña, cuxa gala se celebrou onte no Hotel NH Finisterre da Coruña. O hotel-restaurante Balarés, de Ponteceso, recibiu o galardón á mellor iniciativa de innovación e calidade turística, mentres que o Bela Fisterra foi premiado no apartado de sostibilidade social aplicada ao turismo.
O xurado, composto polas técnicas de turismo de Carballo, Dumbría e Ames —Maite Parga, Ada González e Sonia Moure, respectivamente— tiveron en conta criterios como o fomento do turismo responsable, a promoción dos proxectos, o uso do galego, o fomento da conciliación ou a presenza de políticas de xénero, entre outras cousas.
Tanto o Balarés, como o Bela Fisterra, como os outros tres proxectos premiados, recibiron como agasallo unha figura en forma de nó feita por Jorge Eiroa: unha metáfora de conexión, vínculo, unión e forza do sector turístico.
Así mesmo, entregáronselle galardóns aos oito xeodestinos da provincia, entre eles a Costa da Morte. Neste caso, unha peza de cerámica do obradoiro carballés Crúa, de María Barca. A xornalista Lorena Pose conduciu o acto, no que interviñeron o presidente provincial, Valentín González, e o vicepresidente Xosé Regueira.