Arume de Caión bate récord na praza da vila

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

O debut do grupo Miudiños elevou a unhas 80 as persoas que interviron na tarde de Corpus: música, baile, canto e pandeireta

21 jul 2024 . Actualizado a las 12:13 h.

Nas festas do Corpus e o Carme, ou nos Milagres de setembro, a tradición é por partida dobre en Caión, no municipio da Laracha. Por un lado, porque a actuación da asociación local Arume é xa indispensable e agardada e, por outro, porque do que precisamente se encarga esta entidade é de recoller músicas, bailes, danzas e mesmo vestiarios doutro tempo para seguilos amosando na actualidade: «Non escapar do que somos», como dixo Esteban Blanco, presidente. Ademais de entretida e festiva, contribuíndo a dinamizar a vila, a do sábado foi unha tarde de récord na Praza Eduardo Vila Fano: «É a vez que Arume trae máis xente actuar. Entre os diferentes grupos, de música, baile, canto e pandeireta seremos unhas 80 persoas, que para un pobo modesto coma o noso é unha marabilla». Houbo sorpresas, e tivo que ver nese récord o debut do grupo Miudiños, integrado por 13 pequenos que están tendo os seus primeiros encontros coa música, o baile e a cultura galegas. Acompañados polas súas mestras Tatiana Vilas e Patricia Miño, saíron por vez primeira á praza Rebeca, Oumi, Gala, Helena, Laila, Lis, India, Inés, Arán, Breo, Gonzalo, Xairo e Diego. 

BASILIO BELLO

Con detalladas exposicións por parte de Esteban das pezas que se interpretaban, orixes, modos de baile e homenaxe aos informantes que propiciaron estas recollidas, o público admirou este sábado a Muiñeira Vella de Cerqueda, a Muiñeira de Leira, a Muiñeira de Boimorto da man do grupo Sabadeira, as pezas San Fins do Castro e Aldeíña de Baldaio na voz dos Pescos, unha Muiñeira, Maneo e Muiñeira corrida con Imende, o Chotis de Malpica e Muiñeira corrida cos Miudiños, a Muiñeira de Castro Ribeiras de Lea cos Petiscos, unha Muiñeira e Maneo de Montemaior (a eterna Olimpia foi agradecida na Praza), unha Xota de Castro Ribeiras de Lea tamén cos Petiscos, o Canto de Arrieiro coas Atalaias, unha Xota de Baldaio, unha Muiñeira Mariana cos Petiscos, voz de novo dos Pescos con Los borrachos, Rumba, Jota e Muiñeira con Ancares e, finalmente, o pasodoble Aires de Bergantiños, cun baile interxeracional para dar por pechada a xornada. Ata última hora miraron en Caión ao ceo, pero finalmente o tempo acompañou. Este domingo 21 de xullo seguen de celebración: festexan o Carme.