Naquela ranchera de Juan Fuentes, os primeiros xogadores do Unión Deportivo Corcubión soñaban con títulos moi lonxanos, aínda, para un equipo en plena construcción. O condutor, en cambio, visualizaba unha vila que se sentise representada baixo o escudo daquela entidade que el se encargara de impulsar. Á que lle puxo as cores e o nome dun Dépor ao que comezou amar mentres estaba internado no hospital da Coruña sendo un neno. Aquel desexo fíxose realidade o pasado sábado, na comida que honrou a todos os que traballaron e traballan para que o club cumprise cincuenta anos ininterrompidos de fútbol. Unha festa en branco e azul na que houbo numerosos reencontros e incontábeis emocións. O mellor, sobre todo, foron as racións de ledicia e recoñecemento. Porque hai poucas cousas nesta vida máis satisfactorias que ver felices e recompensados aos nosos maiores. Aínda que ese premio sexan ovacións unánimes da súa xente, á que se encargaron de transmitir un sentimento resistente a calquera paso do tempo.
Recalcouno ben Gregorio Pais, que aos seus 98 anos fixo o esforzo de acudir a esta comida polo club dos seus amores. Alí recordou que o fútbol en Corcubión é moi anterior a aquel 2 de decembro de 1972 e propuxo, diante do alcalde e do actual presidente, unha idea que rondaba moitas cabezas dos alí presentes, e tamén a miña: que o campo de fútbol leve o nome do fundador, un Juan Fuentes que segue sendo o máis fiel seguidor dun equipo no que este ano foi determinante seu neto. Porque o Unión Deportivo Corcubión é, sobre tódalas cousas, unha familia de moitos apelidos: Fuentes, Lojo, Lema, Pais, Caamaño... Iso quixeron recalcar tamén Carlos, actual presidente, e Drok, o alcalde.
É de agradecer que nunha sociedade na que cada vez gana máis peso a confrontación siga habendo espazos dunha confraternidade tan unánime. Iso da o fútbol, que en verdade sempre foi a escusa de outras moitas cousas. Por outros cincuenta anos, polo menos.