ECOVOZ | «Non podemos seguir esquilmando o globo terráqueo», di a artista
13 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Mercedes Peón é unha desas voces femininas claves para entender a música galega. Polo seu traballo de recuperación da tradición oral e polo seu talento. O venres, pasou por Ecovoz.
—É unha época de moito traballo?
—A verdade é que ando un pouco saturada. Estou restruturando un estudo, teño que preparar cousas de Pensamento e logo teño catro proxectos ao mesmo tempo. Así que bastante lío, aínda que se leva moi ben.
—A música tradicional é máis consciente do valor da nosa terra que a moderna?
—É que a música tradicional nace nese ecosistema, forma parte del. Outra cousa son as persoas que a usen e se suban a un escenario. Pero a música tradicional é como un cogomelo do monte. E non hai unha soa. Fíxate o movemento regueifeiro que volve estar moi presente. Non obstante, entendo que a xente que ama a música tradicional, antes ou despois, toma conciencia, por exemplo, da lingua, que tamén serve para protexer á nosa terra.
—No caso persoal, naceu con esa concienciación medioambiental ou foi crecendo?
—Eu lembro de estar na casa dos meus avós e miña avoa dicíame que pechase a billa da auga. Eu nacera en A Coruña e non entendía por que. Entón miña avoa dicíame «é que esta auga é de pozo, e o pozo esgótase». Esa conciencia de aproveitamento vai con todo. O que comían os porcos, por exemplo, as verzas coa fariña, ou o sobrante sempre ía para as galiñas... No tema da reciclaxe orgánica e do lixo biodegradable, por exemplo, nas aldeas lévase facendo toda a vida.
—Que pensa da situación actual?
—Eu creo que a día de hoxe a cuestión está en que hai que medrar e en que hai que decrecer. Non podemos seguir esquilmando o globo terráqueo. Galicia non soporta máis eucaliptos. Entón por aí non podemos seguir medrando. A única solución é o decrecemento se non queremos desaparecer. Nós somos parte dese ecosistema, o que pasa é que o sistema fai que nos afastemos desta realidade.
—Que fai para coidar o medio?
—Procuro mercar o menos plástico posible. Compro alimentos de proximidade sempre e fago compost. Cos cítricos fago desinfectante para a laranxeira. E son moi pouco consumista.