A Costa da Morte festexa a Rosalía no seu 187.º aniversario

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Este 23 de febreiro trae actividades en varias localidades en memoria da autora padronesa

23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Venres 23 de febreiro e, por tanto, Día de Rosalía de Castro. Centros educativos, asociacións e Concellos teñen preparados na Costa da Morte actos para conmemoralo, e incluso non só hoxe, como leva facendo Carballo toda a semana, senón máis alá. Onte foi o día de exaltación en Cabana, coa elaboración do Caldo de Gloria por parte do colectivo Son de Cabana e posterior reivindicación da figura da autora a través dos versos, da música ou do teatro.

Corcubión

A biblioteca municipal levará a Rosalía aos establecementos da vila para facer deles «Recunchos de Rosalía». Tirando do seu fondo de libros, a idea é «visibilizar dende a cotidaneidade un referente imprescindible da vida galega». En cafeterías, bares, tendas... Convídase a unha lectura en alto ou en privado. Doutra banda, por iniciativa do clube de lectura que se reúne na biblioteca, decorarase este espazo con versos e pensamentos. Rosalía é, a título póstumo e dende o 2022, Filla Adoptiva de Corcubión, unha iniciativa da Anpa Alén do Praia de Quenxe, que por certo acolle tamén nesta data un recital.

Fundación Pondal (O Couto, Ponteceso)

Como en todas as fundacións do Rexurdimento, haberá hoxe Caldo de Gloria. Das 18.00 en adiante intervirán o grupo de teatro da Casa da Muller e Irma Macías. Logo, este petisco gastronómico. Fóra xa da conmemoración, pero tamén ás 20.00 na sede da Fundación Pondal, presentarase o novo curso de monitorado de tempo libre.

Cee

Promove o BNG unha lectura pública aberta de poesía de Rosalía: 20.00 horas, no RockCorner Bar. Ao remate haberá uns petiscos.

Malpica

No tempo de pinchos, a mediodía e á noite, haberá Caldo de Gloria nos locais O Cornecho, Santiago Apóstol, Casa Antonio, Ybarra, San Francisco e O Pescador. Sumaranse gaiteiros.