Pallas: «A moto arrastraba problemas dende a segunda etapa»

CARBALLO

ANA GARCÍA

O carballés segue recuperándose da fisura de dúas costelas que sufriu na penúltima xornada do Rali Dakar en Arabia

27 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Uns días despois de ser recibido con honores en Carballo tralo seu excelente rendemento no Rali Dakar que rematou o sábado pasado en Arabia Saudí, Fran Gómez Pallas pasou polos estudos de Radiovoz para valorar a que foi a súa oitava experiencia no raid máis duro do mundo. Fíxoo, aínda, con feridas de guerra, pois a espectacular caída que sufriu na última etapa, despois de que a súa motocicleta eléctrica partise pola metade cando ía «a fondo», causoulle dúas fisuras nas costelas, «case nada para o que puido chegar a ser».

—Como está?

—Ben. A verdade é que as lesións puideron ser moito maiores tras a caída, así que xa por iso estou contento. Ao final teño dúas fisuras de costelas, que se ben é certo que son dolorosas para levantarse ou tusir, puido ser peor. Estou recuperándome e pronto espero xa estar listo para traballar, que eu non son Carlos Sainz e non me podo permitir vivir disto.

—O susto debeu ser grande no momento da caída, porque incluso no vídeo da unha forte impresión.

—Vin varias veces o vídeo para analizar diferentes cousas. Sobre todo se abría o airbag, porque eu pensei que non abrira. Era a primeira vez que o usaba e cando tes un golpe tan brusco non te dás conta. Ademais, estes sistemas, cando pasa un minuto do impacto, desinchan sós. Por iso, tanto o francés como o chino que pararon a axudarme pensaron o mesmo ca min, que non funcionara. En cambio o vídeo permitiume ver que si, e podo dicir que en gran parte lle debo a vida. É responsabilidade dun patrocinador meu, ademais, que é Élite, e xa me fixeron unha entrevista e graváronme para un anuncio promocional para as carreiras offroad e, sobre todo, no Dakar.

—Primeira vez cunha moto eléctrica. Foi o seu Dakar máis especial?

—Foi distinta. Era un proxecto que me ilusionaba e me motivaba especialmente por ser algo novo. Levabamos catro anos traballando, facendo unha moto artesá nunha garaxe con moito esforzo e cariño, e con poucos medios. O peso foi un inconveniente grande nas etapas de dunas, pero fomos alí a aprender e eu voume satisfeito. Incluso ca caída, porque é unha desas cousas impredicibles que pasan no Dakar. Se a vise vir, polo menos preparábame para o golpe, pero foi como se me desenchufasen, de repente estaba polo aire. Ademais, era moi recente o de Falcón e a xente asustouse.

—Non foi o único infortunio, como leva a frustración en momentos así?

—A frustración existe, tanto na dos mapas que non cargaron e quedamos na saída, como a da avaría no coche de asistencia como no meu accidente. Foi unha mágoa porque ao comezar tan ben cambiamos un pouco o chip e eu, que son moi competitivo, ilusioneime. Así que a resignación neses infortunios foi grande. Pero de todo aprendes. Se volvemos, que espero que si, case seguro que non nos volverían pasar.

—A moto ía dando síntomas de desgaste?

—Si. Arrastraba problemas dende a segunda etapa. Levabamos catro días desmontando a moto e soldándoa porque o chasis estaba moi fatigado. Ao final as baterías pesan moito e ían suxeitas en dous tubos con soldaduras.

—Xa participou en oito edicións do Dakar. Cal foi na que mellor se sentiu?

—Está claro que da primeira gardas un gran recordo sempre. Eu lembro que non sabía nin o que era un roadbook [Libro de ruta] e que nas primeiras etapas fora a fondo. Pero o Dakar pronto che pon no seu sitio. Daquela vez tivera unha fractura nunha perna e estivera oito días sen sacar a bota. Tamén recordo o último que houbo en Sudamérica, con Marc Coma, que foi o máis duro. Aínda que así o valoras máis.

—E moi diferente correr en América a correr en Oriente Medio ou África?

—A diferenza está na paisaxe. En Arabia hai etapas espectaculares, pero o berce do Dakar é África, con lugares de todo tipo. É o lugar máis emblemático.