Fernando Carrera, arqueólogo e restaurador: «Hai moitas catedrais na Costa da Morte por escavar»
CARBALLO
A viva voz | Reflexiona ao fío da campaña levada a cabo no dolmen de Pedra Cuberta, en Vimianzo, sobre a importancia da pintura megalítica
06 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Segue a ser actualidade por Vimianzo o dolmen de Pedra Cuberta, a súa escavación e pinturas. Hoxe, o dolmen volverá a ser cuberto de novo de terra para preservalas. Falou en Radio Voz esta semana Fernando Carrera, arqueólogo, restaurador e conservador.
—Que puntuación lle damos á conservación das pinturas?
—Imos poñer un 9. Vén dende o rexistro do ano 33, e parece que case todo o que se documentou está alí.
—De que tipo de pinturas falamos?
—Pintura megalítica. Pintura prehistórica feita no interior das cámaras dolménicas. É moi característica do noroeste peninsular, de Galicia e con menos frecuencia en Asturias, tamén Portugal. Nesta zona conservámola mellor.
—Por que? Cal é o proceso?
—Os solos galegos non favorecen a conservación dos ósos que están no interior dos monumentos megalíticos. Non obstante, a pintura, que ten outra composición distinta, consérvase ben. A alta humidade e a acidez dos solos non lle vai mal. Aínda así, segue sendo un tipo de arte prehistórica extremadamente sensible aos cambios climáticos ou ao desenterramento. Por iso o de Pedra Cuberta é tan sorprendente, porque, aínda que se perdeu moito, esa sensibilidade foi máis lenta.
—Que significaban as pinturas no mundo megalítico?
—O aspecto que tería o monumento megalítico é distinto ao que percibimos hoxe. Hoxe entramos nun e vemos superficies pétreas, con liques ou con biodeterioro, e na realidade orixinal isto era unha especie de capela na que entrabas e vías un aspecto branco na maioría dos casos, pintado con decoracións. Pode interpretarse como unha decoración estética, mural, ou como ás veces pasa nas pinturas murais das igrexas, podería ter unha mensaxe vinculada ao mundo simbólico das poboacións neolíticas ou ao contexto de enterramento no que se fai.
—Atopouse no entullo unha pedra cun gravado reticular. Que conta?
—Cando intervimos nun xacemento, a idea é intentar reconstruír a historia que hai detrás, que explique o porqué. A arquitectura aínda podemos entendela, pero a arte é máis difícil. Neste caso, podemos dicir que é sorprendente esa gravura. Ás veces, en arte megalítico, por baixo da pintura, aparecen gravados. Reutilizacións das pedras nun momento anterior, etcétera. Pero neste caso relacionamos ese tipo de gravado con momentos posteriores. É interesante o achado, falta que fagamos agora máis investigación.
—Vostede tamén restaurou Dombate. Que diferenzas hai entre o dolmen de Cabana e Pedra Cuberta?
—Son un afortunado de traballar con algo tan marabilloso. Nas condicións nas que estiveron as pinturas de Pedra Cuberta, por exemplo, as de Dombate non se conservarían. As técnicas son semellantes, pero debe de haber na composición algo diferencial que permite a conservación extraordinaria de Pedra Cuberta. Cremos que ten que ver co elemento orgánico que lle botaban ao pigmento, e que chamamos aglutinante. Máis alá diso, as dúas pinturas son extraordinarias, teñen unha importancia científica, histórica e patrimonial moi relevante. As dúas para min dentro da arte megalítica galega son as máis coñecidas e importantes. Comparar entre elas éme difícil. Queda a pena de que non conservemos máis.
—Xa os neolíticos, por certo, restauraban as propias pinturas.
—Si, si. Sabemos que os dolmens tiñan longo períodos de uso. Dombate non baixa do medio século. En todo ese tempo ata se modificaban as estruturas, e por suposto as pinturas, que eran un elemento máis sensible. Canto traballas preto delas dáste conta que hai elementos de reparación, restauración, superposición de capas... Interesante para comprender o proceso de uso de todo o monumento. A pintura é un elemento de investigación prehistórica tremendamente relevante.
—Como se pode ou debe musealizar Pedra Cuberta?
—Tamén é difícil responder, pero sempre dicimos que as cousas ou se fan con ambición, ou non se fan. Sobre todo, cando é patrimonio tan sensible. Asumimos que Altamira ten que estar pechada, se non desaparece nunha ou dúas xeracións. Igual ocorre coa pintura megalítica. Non sei a solución, faremos algunha reflexión na memoria desta campaña, pero xa digo, ou se fai de forma intelixente e ambiciosa, ou mellor que quede enterrado e cando no futuro teñamos outras técnicas e métodos mellores, pois se volva abrir.
—Unha cidade con dúas catedrais. Poderían compartir título Dombate e Pedra Cuberta nesta comarca?
—Eu penso que si, pero é que ademais aí na Costa da Morte, hai moitas catedrais por escavar. Dende Dombate non se fixo na zona unha escavación de carácter científico. Se se propón algunha máis, sairán sorpresas, porque todos [os dolmens] teñen pinturas. Tamén digo que o que dá primeiro dúas veces, así que estes dous, Pedra Cuberta e Dombate, van ser para nós sempre os máis importantes. Están consolidados na memoria da xente, os que veñan serán primos irmáns.