Os traballos na anta de Vimianzo preséntanse esta tarde. Diso falou en Radio Voz Lino Gorgoso, de Adro Arqueoloxía
28 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O arqueólogo Lino Gorgoso, de Adro Arqueoloxía, dirixiu as escavacións do dolmen de Pedra Cuberta (Vimianzo). Hoxe hai unha visita guiada, ás 17.30 horas, con presentación de resultados ás 19.00 horas na Casa da Cultura da capital municipal.
—Como vai a actuación?
—A nosa intervención está rematando. Está dividida en dúas partes. Unha, a máis arqueolóxica, a escavación do dolmen, e outra, a que se fai agora, a limpeza e recuperación das pinturas que contén o dolmen, que é o que lle deu a fama a Pedra Cuberta.
—En que consistiron os traballos?
—A idea desta intervención é da Dirección Xeral de Patrimonio, para saber o estado do interior do dolmen. É convinte explicar a intrahistoria. É un dolmen coñecido. Deulle o nome a aldea anexa, que son dúas casas, que dende época medieval xa se chamaba así, Pedra Cuberta. A gran tapa era tan chamativa que daba nome ao entorno. Dáse a coñecer nos anos vinte, non por un feito arqueolóxico, senón porque un veciño da aldea intentou aproveitar as pedras e rebentou parte da cámara, con pólvora. E quedou ao descuberto. Despois publicouse un artigo sobre Dombate, e empezou a existir un ambiente arqueolóxico. Nos anos trinta chega a Galicia o alemán Georg Leisner, que estudaba os megálitos e a arte que contiñan. Estaba en Baíñas, escoita falar de Pedra Cuberta e vai alí. Fai unha escavación no 33 e descobre as pinturas. En 1934 publica un artigo a nivel europeo que o dá a coñecer en Europa, quizais o primeiro dolmen documentado con pinturas no seu interior en Galicia. Iso pon Pedra Cuberta no mapa. Pero vén a Guerra Civil, a longa noite de pedra, e queda no esquecemento, e dende o 33 ata agora pouco se fixo, e non se sabía como quedaran as pinturas que documentou. Por iso 90 anos despois imos saber como están.
—E viron o que esperaban? Están ben as pinturas?
—A dúbida era se Leisner tapara o que escavou. Esas pinturas ao aire libre (que teñen 6.000 anos) padeceron moito. Nós retiramos os depósitos de terra acumulados dende entón, ata identificar o nivel de terra no que parou. E facer unha pequena sondaxe por debaixo, para ver se seguen. Despois Fernando Carrera, conservador, limpou as pinturas, e intentamos documentar e recuperar ese arte. Nós vimos as pinturas, pero non actuamos sobre elas, iso faino el. Parecía que eran un desastre, pero non, o traballo dos restauradores é tan bo que se ven as pinturas do dolmen como estaban no ano 1933.