
As conferencias-bus do Semescom | Medio cento de persoas percorren dende hai uns días a Borgoña francesa
21 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Do reino dos suevos ó dos bergundios. Así se titula a aventura viaxeira deste ano do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que consiste nun detido percorrido pola Borgoña francesa. As aulas rodantes ou conferencias-bus profundizan este ano no coñecemento deste territorio moi relacionado coa Fisterra atlántica. De Borgoña eran os devanceiros por vía paterna do rei galego Alfonso VII, criado no mosteiro de San Xián de Moraime (Muxía). A outra conexión moi importante é Vézelay, onde comeza unha das catro vías de peregrinación xacobea medievais máis importantes con fin en Fisterra-Muxía.
A viaxe do Semescom arrincou o pasado xoves no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago, se ben en Burdeos xa estaba á espera Pablo Bustelo, da axencia de viaxes Compostela Bus, que é quen tradicionalmente traslada aos viaxeiros do Semescom por Europa adiante. Entre viñedos, campos de millo e xirasois e vacas cherolesas pacendo pacificamente, o grupo realizou a súa primeira parada en Montluçon para mergullarse nas rúas medievais desta pequena cidade da Auvernia. E entre parada e parada, as conferencias-bus.
O presidente do Semescom, Xosé María Lema, vai debullando pouco a pouco a historia da Borgoña, datas e acontecementos para a historia deste territorio francés. Chus Barbeira, ademais de levar a cabo a principal tarefa de organizar a viaxe, tamén elaborou unha guía. Xela Cid disertou sobre as pedras volcánicas da área e o latinista e escritor Pepe Carballude fixo unha ampla introdución sobre a Guerra das Galias, que tivo como protagonista principal a Julio César, os enfrontamentos entre os galos e os romanos e as vidas duns e dos outros. Claro que a seguinte parada foi en Bribacte, unha cidade fortificada, desde donde César levaría preso a Roma ao gran líder galo Vercinxetorix, vencido en Alesia. O presidente Mitterrand proclamou o monte Beuvraiy, onde está Bribacte, Sitio Nacional o 17 de setembro de 1985.
Tamén moi vencellada coa presenza romana na Francia é Autun, outro lugar de parada, cos restos da súa muralla, o teatro e as portas que se conservan de cando Augusto decidiu crear esta cidade. Do medievo queda a catedral de San Lázaro, considerada unha das xoias do románico borgoñés. Os viaxeiros do Semescom, un medio cento como adoitan ser todos os anos, prestaron especial atención a Vézelay, situada no entorno da Montaña Negra, e punto de partida da Vía Lemosina pola ruta xacobea e que tamén pasa por Avallón, outra estación de parada do Semescom. Pasa por Limoges. O lugar de saída é a que foi abadia da Magdalena de Vézelay, onde empezaría tamén a Terceira Cruzada. Chega a ruta ao pobo vasco de Ostabat, onde se funde coa Vía Turonnensis e a Vía Podiensis. O grupo admirou o tímpano da igrexa e outras marabillas do templo e gozaron das rúas medievais, así como das cervexas e o café con xeo do hotel, bar e restaurante Le Compostelle. Nunha das portas da muralla da cidade figura unha placa que pon: Anne jubilaire compostellane. Velezay 1971.
Ata o venres
Esta fin de semana, a comitiva estableceuse en Dijon, capital da Borgoña e a «cidade dos cen campanarios», e continuará o su periplo ata o venres. As conferencias-bus seguirán con intervencións de, entre outros, Antón Losada, Rosa García Vilariño ou X. M. Penas Patiño o as sempre brillantes locucións sobre as reviravoltas da arte románica e gótica de Pablo Sanmartín. Da saúde do grupo encárgase o médico Xan Fernández Garrido.