Juan Manuel Vilariño: «Creo que Carballo converteuse agora máis en cabeceira de comarca»
CARBALLO
«O centro comercial atrae a moita xente de fóra e iso sempre é positivo», di o administrador da sociedade que xestiona o parque comercial A Revolta
06 dic 2023 . Actualizado a las 18:42 h.Juan Manuel Vilariño Pena (1969, Carballo) ten 53 anos e é o xerente da empresa Vipecón, ademais de exercer de administrador da sociedade que xestiona o parque comercial e de ocio A Revolta, na que se inclúen o Grupo Regueira e Hierros Añón.
—Que valoración fai destes tres primeiros meses de actividade?
—A valoración xa non é miña, senón dos operadores. É moi positiva, por riba das estimacións iniciais. Estas empresas fan sempre un estudo de mercado moi pormenorizado. E téñeno moi claro cando se van instalar nun sitio. Todos quedaron sorprendidos. Os datos de visitas e clientes están moi por riba desas expectativas iniciais.
—Están previstos máis desembarcos en breve?
—Si. Diver Jump farao en outubro e estamos a traballar na incorporación de dúas novas empresas de talla internacional, ambas no sector da restauración. As conversas están moi avanzadas, pero aínda non está todo pechado, polo que non se poden dar nomes.
—Cantos empregos xerarán estas dúas novas incorporacións?
—Entre 50 e 60 postos de traballo directos.
—Precisaba realmente Carballo dunha área comercial desta magnitude?
—Eu creo que si. Son consciente de que este tipo de iniciativas poden xerar críticas, por aquilo de que poden facer competencia ao comercio minorista. Pero eu non penso que sexa así. Ao contrario. Creo que o parque comercial da Revolta atrae xente de fóra ata Carballo, máis xente de fóra merca e consume en Carballo. Vén xente dende Fisterra ata A Revolta. Xente, por outra parte, que logo queda en Carballo, toma algo, queda a xantar e pasea polo centro. Para min, que son de aquí, Carballo pegou un gran cambio. Agora ves xente polas rúas do centro. As terrazas de cafeterías e restaurantes están cheas. Creo que Carballo converteuse agora máis en cabeceira de comarca.
—Investir 36-37 millóns de euros en Carballo despois dunha pandemia e coa que está a caer cos prezos e a inflación debe ser todo un risco.
—Si, a verdade que si. Trátase dun investimento moi forte e con dúbidas. Nunca tes de antemán a seguridade, nin de que o proxecto funcionará ao cen por cen, nin de que teremos a ocupación ao cen por cen, ata que ves todo realizado. Víñamos dun contexto de pandemia onde as vendas en liña non paraban de medrar. Volverían a ter éxito as compras físicas en tenda unha vez rematada a pandemia? Os datos confírmannos que a xente quere volver ás tendas e mercar nelas. Son 185.000 visitantes en tres meses, un dato certamente positivo.
—Xa teñen todo ocupado?
—Si, é o máis importante, con operadores de primeiro nivel internacional. Porque isto é como todo. Uns anímanse e o resto vén detrás por ese efecto chamada, de arrastre. Un dato: coa chegada de Diver Jump e os dous operadores do ámbito da restauración esperamos incrementar as visitas ao parque en torno ao vinte por cento en curto prazo.
—Foi importante o emprazamento da Revolta?
—Para min foi un acerto. Revitalizouse precisamente unha zona que estaba un pouco apartada do que é o centro neurálxico de Carballo. Agora ves xente camiñando, ambiente, movemento, coches entrando e saíndo... Hai máis vida. E iso non o digo só eu, senón tamén as empresas que están preto da Revolta.
—Con toda a superficie practicamente ocupada, poderíase ampliar o centro comercial nun futuro?
—Podería aumentar, pero requiriría de obras a maiores e iso conlevaría un estudo de mercado e de traballo previos. Pero no aspecto físico, si que se podería aumentar a superficie destinada a uso comercial. Quedan aínda 17.000 metros cadrados que se poderían habilitar na planta alta. De feito, temos algún operador en estudo que lle valería un espazo nesa ubicación, pero iso suporía máis obra e máis prazas de aparcamentos.