Segundo a RAG, expurgar significa quitar aquilo que é prexudicial ou inútil. Por outra parte, os bibliotecarios acuñan como expurgados libros que xa ninguén le ou que foron superados por avances científicos. Esta semana encontrei nun sobre teatro de J. B. Priestleycon esa marca mortuoria. Sentín que me estaban a expurgar a min e ao tradutor do libro, Gonzalo Medina, un antigo colega a quen lle tiven gran aprecio. Quede claro que estou moi a favor da limpeza a fondo, incluída a que se fai con zotal. Moi recomendable para acabar coas corruptelas e mentiras dalgún político. Agora ben, ese concepto de inútil é moi subxectivo, sobre todo se a libros nos referimos. A dialéctica baseada na utilidade só persigue sociedades uniformadas. Eses razoamentos son, por exemplo, os mesmos que aplican os que negan a importancia cultural e social de idiomas como o galego. (Curiosamente dirixidos por representantes institucionais que teñen a obriga, cobrando, de defendelo e promovelo). Aí estamparía eu ese cuño de expurgados. En ningún caso defendo a imposición lingüística inquisitorial. En Galicia temos dúas linguas oficiais que deberan coexistir en harmonía, pero non podemos consentir que unha delas esmoreza porque practicamente todos os medios de comunicación están ao servizo da dominante. Cuestión de pedagoxía. É preocupante que moitos nenos que falan galego nas casas, cando van á escola regresan chapurreando castelán. Obviamente algo non funciona no sistema educativo. Sen datos exactos podería afirmar que na Praza dos libros de Carballo o 80% estaban escritos en castelán. En todo caso, lean e falen o que queiran, mais non expurguen nin linguas nin culturas. A poder ser, please!