Baio revisou a historia da man de Francisco Romero

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O auditorio acolleu un dos actos con motivo do centenario do Seminario de Estudos Galegos

18 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A ninguén que teña acudido á xornada de onte en Baio lle poderá quedar dúbida do papel de fundador —9, en total— que tivo o veciño Francisco Romero Lema no Seminario de Estudos Galegos (SEG). A institución, creada no 1923, está de centenario, e este encontro no auditorio baiés foi un dos actos de conmemoración, dedicado precisamente a ese fundador. Museo do Pobo Galego, Comité Pro Día das Letras Galegas para Labarta Pose e Concello de Zas colaboraron na iniciativa. Xosé María Lema, patrón do Museo do Pobo, e Manuel Muíño, alcalde de Zas, foron os encargados de dar a benvida a primeira hora da mañá. Tivo que ausentarse logo o rexedor para a súa investidura, mais retornou ao auditorio.

«Francisco Romero Lema. A fundación do SEG segundo a súa versión»: así se titulaba a intervención que seguiu a continuación, a cargo de Xosé María Rei Lema. E é que, como se puxo de manifesto, hai na fundación da institución certas indefinicións. De par da creación formal, na que figura o baiés como fundador, outra posta de longo simbólica, un paseo que se fixo ata a casa de Rosalía de Castro en Ortoño. É esta última a que ten popularizado, polo que como se comentou na sesión, sería bo tratar de facer valer as precisións históricas en publicacións ou informacións que circulan pola Rede, mesmo achegando escritos ou fotografías. Consérvase de Romero Lema unha carta na que dá conta de todo isto, de aí o título da conferencia de Rei Lema en torno á súa versión. Este escrito é un dos que dende onte quedou exposto nunha vitrina do centro sociocultural, ao carón das dedicadas a Labarta Pose. Non é o único material legado para que sexa coñecido polo público, véxase ese rico vocabulario de Soneira, por exemplo.

BASILIO BELLO

Cunha mesa redonda posterior na que tomaron parte o propio Xosé María Lema Suárez, así como Xosé Luís Axeitos, académico, e Braulio Pérez Astray, sobriño neto dos Romero Lema, púxose en valor o traballo non só de Francisco senón de toda a familia. Coincidiuse en que tanto el coma o bispo Maximino foron figuras de capital importancia para Baio. Francisco, como cronista. Maximino, como clave nun proceso aperturista por parte da Igrexa. Nese posicionamento adiantado aos temas incidiu precisamente Braulio nesta mesa redonda, moderada por Jorge Mira. Sobre a mesa quedou a idea de que no instituto que leva por nome Maximino Romero de Lema se teña máis presente a súa figura, en tanto que o centro naceu en boa medida grazas á súa xestión, se ben a súa aportación parece ter quedado algo diluída co paso do tempo.

Hai anos que en Baio pugnan por un Día das Letras Galegas para Enrique Labarta Pose. Foi outro dos grandes que deu esta vila, unha localidade que, como dicía Xosé María Rei xornadas antes da súa intervención, vivía como un orgullo que o Museo do Pobo Galego a tivese presente para conmemorar este centenario do Seminario de Estudos Galegos. Finalizado o encontro da mañá, a xornada contemplaba para a tarde unha ruta por recunchos literarios e históricos da localidade.