Santi Canedo: «Chegou un punto no que xa só necesitabamos parar e resetear»

Antón Lestón Lago
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

O porteiro carballés recolleu onte o premio MVP Horbesa ao mellor xogador do Bergantiños neste curso

02 jun 2023 . Actualizado a las 19:41 h.

Dúas semanas despois do seu último adestramento en As Eiroas esta tempada, Santi Canedo (Carballo, 1996) volveu ao estadio do polígono de Bértoa para recibir o premio MVP Horbesa, que o acredita como mellor xogador do Bergantiños este curso. O meta foi o máis votado polos seareiros locais durante unha campaña tremendamente complicada e recibiu o galardón das mans de José Martínez, xerente da empresa carballesa dedicada ao formigón.

—É dos que lle fai ilusión este tipo de premios?

—Evidentemente prefiro que vaia ben no colectivo, e ademais o individual sempre brilla máis cando o equipo acompaña. Pero é algo reconfortante, un recoñecemento, aínda que a nivel persoal non quedei contento ca miña tempada.

—Falábase moito deste trofeo no vestiario?

—As últimas semanas sobre todo, porque viamos o reconto. Eu pedíalle a Uzal que deixase de roubar balóns a modo de broma. Cando eran as votacións tocábanos mandar os enlaces ca familia e cos grupos para recoller algún votiño máis. O que pasa é que algún do equipo debía ter 300 primos (rí).

—Aliviado de que terminara o curso ou sempre hai ganas de seguir?

—Non che vou a mentir, chegou a un punto que vendo tanta diferenza de puntos e descendidos dende principios de abril, notas que necesitas parar e resetear para recuperar esa ilusión no fútbol que todos temos. Como deportista, gústache ter obxectivos e poder romper barreiras, e aí houbo un punto que xa non tiñamos retos por diante. É moi difícil, e agora que xa houbo tempo de desconexión nótoo, tanto eu como a miña xente.

Ana García

—O deportivo pasou factura no ámbito persoal?

—Si, foi un ano difícil, pero non só polo fútbol. Ao final estou acabando a carreira, tiven as prácticas e outros proxectos persoais que chegaron a sobrepasarme e angustiarme. Houbo un punto que notei que tiña un nivel de estrés alto e os resultados deportivos non axudaban para nada. Agora, por exemplo, que acabou todo, volvo atoparme máis cómodo, máis como sempre son eu.

—Cal foi o peor momento?

—O peor foi a época de decembro e xaneiro. Paseino moi mal. Con todo ese estrés que tiña, toquei fondo despois do partido co Arenteiro, que viña todopoderoso e fixemos un partidazo. Pero errei no terceiro gol e sentín que non estivera ao nivel dos meus compañeiros e que os decepcionara. Entón decidín que tiña que cambiar o enfoque de como estaba afrontando varias cousas na vida. Nunca tan mal estivera nos últimos anos. De feito, o mellor deste ano veu as semanas despois dese momento, cando comecei a notar que recuperaba a miña mellor versión, no persoal e no deportivo.

—Xa houbo tempo para a reflexión... Que lle pasou ao Bergan?

—Que todo saíu mal. É que non se lle pode botar a culpa a nada en concreto. Todos, e comezo por min, erramos nun momento ou outro da tempada. O club na confección, nós en non dar máis, os fisios, os utilleros... Imos todos unidos, de iso trata un equipo. Pero sigo pensando que tiñamos equipo para salvarnos.

—E para o ano que vén?

—Agora mesmo estou libre. Quero seguir medrando como futbolista e estou aberto a todo. Son consciente, ademais, de que a carreira do futbolista é curta e gustaríame poder gozar de certos retos. Se non se dan, sei que aquí son feliz e non me importa baixar de categoría. Teño proxectos persoais aquí e vivín xa con este club experiencias ás que agora non lle damos a importancia que realmente teñen. Ao final son carballés e estou vivindo unha das mellores épocas do Bergantiños.