Acto en Baio na honra de Francisco Romero Lema, polo centenario do Seminario de Estudos Galegos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

J.M. CASAL

Será o 17 de xuño, baixo a organización do Comité Pro Día das Letras Galegas Labarta Pose

03 jun 2023 . Actualizado a las 10:24 h.

O comité organizador dos actos do centenario do Seminario de Estudos Galegos escolleu a vila de Baio para acoller unha das propostas desta conmemoración, en tanto que o seu veciño Francisco Romero Lema (1903-1972) foi un dos fundadores do SEG. Encárgase da organización, ademais do Museo do Pobo Galego, o Comité Pro Día das Letras Galegas Labarta Pose, que conta para iso coa colaboración do Concello de Zas. Xa hai data: sábado 17 de xuño, con sesións pola mañá e percorrido cultural pola tarde, e xa se difundiu tamén o cartaz da cita, da autoría de Pepe Barro.

O alcalde, Manuel Muíño, abrirá as intervencións no auditorio baiés ás 10.30 horas. Tamén presentará a cita Xosé María Lema, patrón do Museo do Pobo Galego e designado por esta entidade para a organización desta conmemoración na vila do centenario do Seminario de Estudos.

O muxián Manuel Vilar, director do MPG, ofrecerá unha charla sobre a importancia que tivo na cultura galega a creación do Seminario, no 1923. Seguirá a conferencia de Xosé María Rei Lema sobre Ramón Francisco Romero Lema: abordará a versión deste baiés sobre a fundación do SEG. Jorge Mira, presidente do Comité Pro Día Das Letras Galegas Labarta Pose, moderará a continuación unha mesa redonda sobre a familia Romero Lema de Baio, en particular dos irmáns Xosé e Maximino: departirán o académico Xosé Luís Axeitos e Braulio Pérez, director adxunto da Fundación UDC, baiés e sobriño-neto dos Romero Lema. Estarán expostas obras publicadas de Francisco Romero, así como o manuscrito onde relata a súa versión da fundación do SEG ou as 144 papeletas que permitiron publicar Vocabulario de Soneira.