ECOVOZ | O Instituto galego de consumo vela polos dereitos dos consumidores galegos, pero tamén se ocupa de «formar, informar e resolver dúbidas», di a xerente
08 may 2023 . Actualizado a las 13:36 h.Ser conscientes do modo no que consumimos. Do que mercamos, do que gastamos, pero tamén de como nos movemos, «primando o transporte colectivo ou as bicicletas». Todo iso axuda a ser un consumidor responsable e nesa dirección —e noutras como a da información ou as reclamacións— traballa o Instituto Galego de Consumo e da Competencia. Sol Vázquez é a súa xerente.
—Tamén realizan unha tarefa de control.
—Temos unha labor de control de mercado para que todos os produtos que chegan ás nosas casas cumpran coas normativas de seguridade. Así garantimos que sexa posible empregalos sen ningún problema.
—Todas as iniciativas encamiñadas na mesa dirección: un consumo responsable.
—Témolo claro nós, pero tamén a Unión Europa. Por iso ten un programa de Pacto Verde. Sabe que os primeiros que teñen que ser activos con os consumidores, somos todos nós. Temos que apostar por ese medio ambiente. Somos os consumidores coas nosas eleccións os que temos que actuar. E, nesa dirección, desde o Instituto Galego de Consumo estamos para informar, formar e para resolver dúbidas.
—Tamén asisten aos consumidores nas súas reclamacións. Cales destacan?
—O 35% das reclamacións que nos chegan teñen que ver coa factura da luz. E verdade que é moi complicado entender eses recibos, pero hai que ser activos e aprender a descifrar o que nos aparece reflectido nelas e iso tamén o ensinamos a través do Instituto Galego de Consumo. Hai que ser responsable en todos os aspectos, pero no da enerxía moito máis porque os recursos son limitados.
—A tramitación das queixas como evolucionou? Medrou ou é similar á cifra de anos pasados?
—Realmente, si reclamamos máis. Cada ano increméntanse as reclamacións. Supoño que tamén porque os consumidores somos cada vez máis conscientes dos nosos dereitos. Ademais é moi doado, pode facerse na web a través dun asistente de reclamacións. O noso top, a día de hoxe, é a enerxía con máis 35% de todo o que ten que ver coa factura da luz. No que vai de ano presentáronse 7.600 reclamacións. É un 56% máis con respecto ao ano 2022. Delas, ademais do tema da luz, destaca, con más de 20% e en segunda posición, o relativo ás telecomunicacións, a telefonía, Internet... E, en terceiro lugar, o turismo e o ocio, que está en aumento despois da situación da pandemia. A xente está a viaxar moito, a ir a concertos, a voar e todo iso xera tamén moitas reclamacións.
—A esas accións súmase o laboratorio de consumo. Que servizo presta?
—Ademais de informar e de contar coa Escola Galega de Consumo, temos ese instrumento que controla que todo o que chega ás nosas casas cumpra cos estándares de calidade da normativa europea e estatal. No 2022, analizáronse 466 mostras de produtos e elaboráronse máis de 500 informes. E de todo iso detectáronse 116 produtos que debían ser subidos á rede de alerta, a plataforma que amosa a foto e a ficha dos produto retirados do mercado.
«Temos unha Escola Galega de Consumo na que aprendemos a ser responsables»
Subliña Vázquez que «nós estamos aquí para informar, para asesorar e para acompañar ás persoas consumidoras na defensa dos seus dereitos» porque «todos mercamos cousas ou contratamos servizos e nesas relacións de consumo pode haber situacións nas que precisemos dunha asistencia, dunha axuda ou de arranxar dúbidas». Para todo iso está o Instituto Galego de Consumo.
—Sobre todo nas situacións nas que se xera algún problema.
—Así é, sobre todo, nesas situacións. Acompañamos aos consumidores para que realicen esa reclamación e para que poidan restituír os seus dereitos.
—Que outras misións perseguen?
—Temos unha Escola Galega de Consumo na que aprendemos a ser consumidores responsables. Nós como persoas si que podemos, no día a día e co que mercamos, ser consumidores responsables co medio ambiente e coa nosa natureza. E así procurar aplicar a regra das 3 erres como é a de reciclar, reducir e reutilzar. Tamén aprendemos a mercar produtos que sexan respectuosos co medio ambiente, evitando os plásticos e certos envases, tratando que sexan biodegradables. Ademais, ser consumidor responsable tamén é aforrar en enerxía, apagar as luces, desconectar o cable cando está cargado o móbil, revisar que pechamos ben a porta... En definitiva, ser conscientes do consumo de enerxía que facemos no día a día. E o mesmo sucede coa auga.