Gonçalo Guerreiro: «Podemos falar de temas serios sen que a nosa obra de teatro sexa seria»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XOAN A. SOLER

O Centro Dramático Galego presenta en Vimianzo a súa terceira produción da tempada: «Un hotel de Primeira sobre o Río», unha peza na que abordan aspectos como a especulación urbanística no rural, o papel da muller ou o éxodo ás cidades

03 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A especulación urbanística, a figura da muller ou o éxodo rural son algúns dos eixos da obra de teatro que este domingo pechará a programación cultural de inverno do Concello de Vimianzo. Para a súa terceira produción da tempada, o Centro Dramático Galego botou man dun texto da falecida dramaturga Xohana Torres, que no 1968 foi galardoado co Premio Castelao e que leva por título Un hotel de Primeira sobre o Río. A través de tres actos, a compañía narra a historia de Ruth, unha muller que vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa. Sete persoas integran o elenco, baixo a dirección de María Torres e Gonçalo Guerreiro, que falou en Radio Voz sobre esta peza e sobre a «débeda histórica» xa saldada con Xohana Torres.

—Mañá estrean xira, pero antes pasaron polo Salón Teatro de Compostela. Como foi a acollida?

—Moi boa, sempre con público e con moi boas reaccións. Estreamos o 30 de marzo e estivemos en cartel cinco fins de semana, o cal é todo un reto. Agora comezaremos unha xira por Galicia e teremos tamén unha data en Portugal, preto de Oporto.

—Por que localidades teñen previsto pasar?

—Pois iremos a Vigo, Vimianzo, O Barco, Lugo, Narón, A Coruña e Ourense. Cada produción do Centro Dramático Galego ten unha serie de obxectivos e algunhas non saen de xira e outras teñen xiras medianas ou máis longas. E este espectáculo ten unha serie de esixencias técnicas que dificultan a súa montaxe.

—Falaban antes da estrea que esta era unha forma de saldar unha débeda histórica con Xohana Torres.

—Pois si, porque este texto nunca se fixera no eido profesional. Algún grupo afeccionado montara obra no pasado, pero nós tivemos a honra de ser os primeiros en levala a escena grazas ao convite que nos fixo Fran Núñez, do Centro Dramático Galego.

—Cuestións de plena vixencia se abordan no texto.

—Sen dúbida. Está claro que a especulación inmobiliaria é un problema, e que o progreso, o avance e o turismo deben respectar o rural. Pero nós non queriamos rexeitar todo iso, senón cuestionar de que maneira se pode facer de xeito viable e sostible. Na obra, hai xente que vende a súa casa e os seus terreos para marchar para a cidade [esa é a perspectiva que presenta Xohana orixinariamente], pero tamén queriamos presentar á xente que non está a gusto no ámbito urbano e quere marchar para o rural. Por iso introducimos unha personaxe nova, con textos orixinais de María Torres.

—Foi unha actualización, entón, do texto de Xohana?

—Así é. Nós, como directores, aportamos o noso punto de vista artístico, que pode ser independente ou entrar en diálogo co texto orixinal. A filla de Xoana, que ten os dereitos da obra, deunos total liberdade, o cal nos deixou moi satisfeitos.

—Aseguran que ten moito peso a linguaxe non verbal. De que xeito?

—Nós traballamos moito o teatro físico e xestual, movémonos moito nas artes visuais e parte do que non se di no texto preséntase en escenas de movemento. Non foi doado atopar a estes sete intérpretes, a verdade, pois debían ter facilidade para dominar o texto e interpretar a varias personaxes, pero tamén debían ter un certo nivel físico, xa que é unha escenografía esixente.

—A cita está aí: Vimianzo, domingo, seis e media da tarde.

—Así é. Cremos que vai gustar, pois usamos moito a cor, hai unha presenza musical constante e desenvólvese con moito ritmo. Cremos que podemos falar de temas serios sen que o espectáculo teatral sexa serio. É lixeiro, leve, dinámico e para todo o mundo.

En detalle: a función

Un hotel de Primeira sobre o Río pechará o domingo (18.30) a programación invernal do auditorio vimiancés. As entradas poden conseguirse anticipadamente en www. woutick.es ou na billeteira, unha hora antes da función ou de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas. Custan 5 euros, e 2,5 en caso da tarifa reducida para estudantes e maiores de 65 anos.