«A carreira científica ten dificultades, igual que ser futbolista, xuíz ou médico»
CARBALLO
ECOVOZ 2023 | Dende a presidencia da institución, Juan Lema, presidente da Academia Galega de Ciencias, avoga por achegarse á sociedade galega coa programación de múltiples actividades
24 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«O que pretendemos é difundir os valores da ciencia e tratar de que a sociedade teña un amor por ela pensando en que, en realidade, o desenvolvemento social e económico da sociedade, e tamén o benestar, depende en gran medida da ciencia que se desenvolve», subliña Juan Lema, presidente da Academia Galega de Ciencias. A vontade da institución, engade, «é transmitir todo iso a Galicia». E para iso, programan multitude de actividades.
—Entre todas elas, destaca a convocatoria de diferentes galardóns.
—Están os premios como o de Ernesto Viéitez Cortizo, que enmarca a investigación de vangarda que se está facendo en Galicia neste momento. Nesta última convocatoria recibimos un total de 64 propostas de traballos de moi alta calidade. Foi moi difícil seleccionar entre eles, pero en realidade isto leva a darnos conta de que a investigación en Galicia está pasando por un momento moi bo.
—A institución que preside leva traballando desde finais da década dos 70. Que evolución diría que tivo?
—Nos últimos anos, tratamos de achegarnos un pouquiño máis á sociedade. Cremos que, a través das actividades que temos, como cursos, seminarios ou visitas a centros escolares podemos conseguilo. Por exemplo, coa Deputación da Coruña temos uns cursos que teñen que ver coa enerxía limpar, a economía circular e a intelixencia artificial. Coa de Pontevedra realizamos visitas a centros escolares, pero tamén ofrecemos charlas de máximo nivel. E coa de Lugo estamos, sobre todo, transmitindo as novidades no sector agroindustrial. Por tanto, toda esta actividade que fomentamos, queremos que incentive o coñecemento da ciencia na sociedade.
—E no caso concreto da investigación?
—Nos últimos trinta anos o cambio foi similar ao experimentado pola sociedade. A de agora non ten nada que ver coa dos anos 80. Creo que estamos pasando por un momento interesante, con limitacións, altibaixos, pero moi boas perspectivas.
—Insiste na necesidade de fomentar o coñecemento da ciencia. Que erros e que logros se están dando?
—Este é un problema que estamos observando. Os máis novos teñen unha certa vertixe por achegarse á carreira científica que, por outro lado, é de longo prazo, como hai moitas outras. Pero parece que, neste momento, a investigación non é unha carreira factible e que é moi difícil de facer. E, efectivamente, ten dificultades, ao igual que é difícil ser un xogador de primeira división, ser un bo xuíz ou médico. Son carreiras de fondo, pero todas pagan a pena sempre que haxa ese interese, esa vocación por descubrir cousas novas. E tamén por tratar de contribuír ao desenvolvemento da sociedade. Creo que si que é moi importante indicarlle aos máis novos que a carreira científica pódese facer, é moi bonita e nela cada un estende o seu protagonismo, permite unha enorme variedade de contactos internacionais e, efectivamente, é longa e non estabiliza inmediatamente e de forma automática, pero como tantas outras. Merece a pena ver que unha vocación ten un desenvolvemento vital baseado no descubrimento de cousas novas e que axuda a solucionar problemas da sociedade. É moi bonito.
—Como especialista en xestión de residuos e contaminación, que aspectos destacaría no tocante á dimensión máis sostible da Academia?
—O desenvolvemento sostible é un dos eixos da sociedade e polo tanto tamén o é da nosa Academia. Como tamén estamos inmersos en políticas activas de igualdade de xénero e de promoción dos máis novos. Todos eles son valores que tratamos de defender. No relativo á economía circular e a diferentes temas medioambientais non temos ningún programa específico, pero si moitas actividades relacionadas. Por exemplo, nos últimos tres anos, dous dos cursos dos ciclos de avance estiveron relacionados coa economía circular e as enerxías limpas. E todos os que realizamos no campus de Lugo teñen unha compoñente medioambiental extraordinaria.