«Na Laracha fomos dos tres primeiros municipios en implantar o contedor marrón»
CARBALLO
ECOVOZ 2023 | O Concelleiro de Medio Ambiente de A Laracha, José Ramón Martínez, valora a concienciación dos seus veciños e aposta por seguir mellorando a xestión e por reducir os residuos
03 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A implantación do contedor marrón na súa totalidade —que obedece á normativa europea que obriga a todos os municipios ao seu cumprimento antes de que remate o ano— colle a localidades como a de A Laracha cos deberes feitos. Así o confirmou en Ecovoz o edil responsable da área de Medio Ambiente, José Ramón Martínez.
—Á súa vila chegaron no 2020. Foron ben adiantados á normativa. Merecen máis que un aprobado.
—Así é. Nese apartado a nota ten que ser alta porque fomos dos tres primeiros municipios. En canto á total implantación, imos pouco a pouco, pero si é certo que non ano 2020 xa comezamos coa súa colocación nos tres núcleos principais da poboación como son A Laracha, Caión e Paiosaco. E nunha zona dunha urbanización de 120 vivendas, aproximadamente. E a partir de aí, seguimos coa implantación do quinto contedor, seguimos traballando porque agora mesmo estamos con temas de compostaxe doméstico, fundamentalmente dirixido ao rural, para poder ir completando na práctica totalidade do municipio a implantación da recollida orgánica. De todo ese tratamento que se ten que dar.
—Que pasos foron dando dende o Concello?
—No noso caso os pasos foron sinxelos. Primeiro porque nós vimos esa necesidade de implantar esa fracción para separar do resto. Entonces coincidiunos que, nese momento, estabamos sacando o servizo de recollida, entón aí xa fixemos que figurase a recollida selectiva dese quinto contedor. Xa levamos, polo tanto, tres anos recollendo orgánico e xa houbo froitos desa recollida, porque o bo diso está en que a súa transformación, o compost, supón unha reciclaxe íntegra.
—Para a súa posta en funcionamento, que opción escolleron?
—Fixemos a campaña Ti tes a chave para explicarlle aos veciños o seu funcionamento. Neste caso, o contedor leva unha pechadura, os usuarios que se acollen a este programa dispoñen dunha chave para poder botar o lixo nese lugar. E iso fai que a reciclaxe, neste caso, sexa máis completa porque, realmente, no tempo que levamos, de impropios sae como moito un 5 % da fracción. Isto significa que se dá unha boa selección. Creo que este bo facer estivo tamén no éxito desa campaña inicial e en facer que os usuarios entendesen todo. Iso facilitou moito para que agora a recollida sexa óptima.
—Todo iso desde o punto de vista medioambiental, pero está tamén a vertente económica.
—Todo iso ten tamén unha compoñente económica. Por exemplo, o tratamento dunha tonelada de fracción resto ten un prezo superior ao tratamento da fracción orgánica, así que todo isto supón un aforro para os veciños. A día de hoxe temos os gastos disparados en todos aspectos, así que facer economía neste ámbito creo que tamén é moi importante.
—E esa veciñanza, que resposta está a dar as decisións tomadas polo equipo de goberno?
—A conciencia da xente, a conciencia dos usuarios, é fundamental en todo este proceso. Aquí xa se facía unha recollida selectiva de papel-cartón, de vidro e de plástico, pero coa chegada do marrón e coas campañas de sensibilización como as mencionadas avanzouse moito. Fixéronse charlas nas asociacións e colexios para chegar á xente e, ao final, do que se trata é da concienciación dos veciños e da implicación que eles teñan en relación ao medio ambiente. Eu creo que isto cada vez crece máis e que cada vez a selección dos residuos vaise facer mellor. Ademais, dalgunha maneira, tamén creo que imos diminuír eses residuos que producimos, iso é fundamental tamén neste eido.
—Que nota lles pon? A maioría aproba?
—No tema da reciclaxe poñer unha boa nota non sería o correcto porque todos temos que seguir mellorando. Pero si lles quero agradecer aos veciños o bo uso que fan no tema da selección de residuos. Sen esquecer que estamos en torno ao 45 %. Hai moi boa colaboración pola súa banda, pero temos que seguir reciclando e seguir mellorando neste ámbito.