Inma Morandeira: «Quero ter o medio ambiente máis presente para deixar un planeta mellor»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Inma, á esquerda, no cartel do espectáculo «Nais»
Inma, á esquerda, no cartel do espectáculo «Nais»

Ecovoz 2023 | A actriz e presentadora reflexionou en Radio Voz sobre cuestións medioambientais. «Compro moito menos porque é certo que non precisamos tanto como mercamos», apuntou

27 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Presentadora e actriz —o ano pasado estreaba xunto a Eva Iglesias a obra de teatro Nais—, Inma Morandeira descubrirá neste 2023 o que é a maternidade.

—No teu caso, estás agora máis preocupada polo mundo que lles imos deixar aos que veñen detrás?

—Absolutamente. Estoume estreando nisto, aínda non naceu e non son nai, pero si que me parei a pensar que me gustaría deixarlle a mellor versión posible. E teño que recoñecer que nunha fun unha persoa que me parei a pensar moito no medioambiente, teño que facer autocrítica, pero agora si que me gustaría ser moito máis consciente. Quero ter todo isto máis presente para deixar un planeta mellor.

—Seguro que o fai moito mellor do que pensa. Por exemplo, na casa, como levan o de reciclar?

—En termos xerais si o facemos. O que eu chamo unha reciclaxe clásica. É dicir, separar o vidro, o orgánico, o cartón ou o plástico. Teño que dicir que tamén nos custou, agora está moi estendido, pero ao principio non sabíamos moi ben a onde ía cada cousa.

—E no tocante á reutilización?

—Eu antes era unha persoa que compraba moito, non lle daba, por exemplo, unha segunda vida á roupa. Pero é curioso que desde que souben que ía ser nai, hai moitas prendas ás que lle estou dando un novo uso. Ademais, compro moito menos porque é certo que non precisamos tanto como mercamos.