O colectivo A Rula localiza as ferraduras da Pedra da Mula

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A Rula

Son un símbolo da tradición relixiosa de Cuns e Grixoa

26 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta a lenda que no seu día pasaron pola Corredoira da Santa tres arrieiros con tres mulas cargadas sacos de millo. Ían para Grixoa, en Esternande (Santa Comba). Esta aldea era moi pobre porque a maior parte dos terreos estaban a monte e os cultivos eran escasos. A mula máis pequena, que apenas podía coa carga, deixou a marca dunha ferradura sobre un penedo. Este lugar converteríase logo no punto de encontro entre a Virxe do Portal, de Grixoa, e a Santa Margarida, de Cuns, que eran irmáns e ían en procesión para pedir chuvia ou sol, segundo o caso. Se había moita auga ían ata Cuns, e se o que sufrían era a seca, marchaban ata Grixoa. Logo pasaban quince días de visita, ata retornar á súa parroquia de orixe.

Esta historia relatoulla Digna Amado á súa neta Estefanía Mourelle, que xunto con seu pai, Manuel, e o seu irmán, Andrés, guiaron a membros de A Rula ata a Pedra da Patada da Mula. É unha laxe de 410 por 125 centímetros de gran moi groso, difícil para facer inscricións ou figuras. Nela fixeron dous rebaixes para acondicionar o espazo axeitado para «a gravación das diferentes ferraduras que están distribuídas» no seu interior.

A Rula

Sinalan dende A Rula que foi necesario utilizar luz rasante para detectar «a presenza dun motivo en forma de u, unha posible ferradura duns 20 centímetros», que, imaxinan, foi regravada en múltiples ocasións. Ao seu carón, cara a esquerda, figuran os restos de, polo menos, cinco ferras máis, «todas elas de menores dimensións (8-12 centímetros)», engaden no seu informe. Estas formas foron marcadas con ferramentas metálicas. Apreciase, indican noutro punto, que foron moi maltratadas nos últimos tempos, polo que se fai difícil a súa valorización. O mal estado de conservación, comentan, dificulta moito, non só a súa visión, senón que tamén complica a súa posible adscrición cultural e a súa localización no linde entre dúas parroquias de dous municipios distintos, un de Bergantiños e outro de Xallas. Todo iso faille sospeitar aos membros de A Rula que «se trataría de gravados de termo, posiblemente de época medieval que foron reavivados ata tempos recentes».

Deterioro

O deterioro deste conxunto, que está a uns vinte metros dunha das pistas do parque eólico Fontesilva, obedeceu á intensa actividade mineira no entorno, así como ós labores de reforestación, pois hai marcas das cadeas na mesma rocha. Así mesmo, o espazo viuse afectado polos incendios forestais. A todo iso hai que engadir que alguén chegou a marcar na rocha con dous nomes, «Mario & Nieves».

A RULA

O repertorio complétase cunha fileira de coviñas e mais unha cazoleta grande

Na mesma rocha, os membros de A Rula observaron «unha fileira de pequenas coviñas ordenadas de maior a menor tamaño na cimeira central da peneda».

Por outra banda, hai unha cazoleta «na parte inferior da diáclase que divide as dúas partes da rocha». Esta cavidade ten forma alongada, duns 20 por 15 centímetros de diámetro e 10 de fondo. Ten marcas do desbastado feitas con cicel o que confirma «a súa factura antrópica» Consideran en A Rula que puido ser feita con intención unicamente funcional, pois podía servir de soporte ou base para encaixar ou apoiar unha cruz procesional, estandarte ou calquera outro obxecto que pousarían no ámbito da peneda nos días de procesión ou similares.

Sobre a lenda que rodea a rocha, Evaristo Domínguez Rial ten recollido versións semellantes, se ben apunta tamén unha variedade relacionada coa mula da Virxe e san Xosé.

A Mámoa do Zapateiro convértese en punto de atracción polo seu tamaño e pola súa conservación

Na xeira de A Rula polas fronteiras entre Bergantiños e Santa Comba tamén se fixaron na Mámoa do Zapateiro, que se ve dende a Pedra da Mula e destaca polas súas dimensións, que fixeron dubidar de se se trataba dun túmulo prehistórico ou unha «pequena elevación natural ou un afloramento na chaira da Camposa da Lagoa», en Vilar (Coristanco). Está a algo máis dun quilometro da Pedra da Mula.

Trátase do xacemento mellor conservado da necrópole megalítica do Monte das Medoñas que está integrada por catro mámoas mais outra posible sen catalogar. A do Zapateiro é un túmulo en forma de moa de máis de 30 metros de diámetro e supera os tres de alto. Está cuberto por unha densa vexetación, o que non evitou o acceso ata a cima para ollar o cono de violación, duns 2,5 metros de diámetro e un de fondo.

Os toxos impiden ver os posibles esteos da cámara, pero si figuran nun recente traballo que citan os integrantes de A Rula e que foi realizado por Lino Gorgoso e Fátima Sánchez sobre mámoas e medoñas do Concello de Santa Comba. En xeral, estes bens patrimoniais foron moi maltratados pola actividade mineira, eólica (que tronzou a Corredoira da Santa) e polos repoboadores forestais. Os procesos de concentracións temperáns feitos sen estudios de impacto cultural levaron múltiples agresións a estes xacementos. Antes de examinar a Mámoa do Zapateiro estiveron tamén na de Fonte Cova, duns 20 metros de diámetro, con cono de violación de dous metros e uns 50 centímetros de fondo. Foi afectada pola plantación de eucaliptos que non respectou a área de protección. E todo este patrimonio salpicado por historias de vellos mineiros.