Suso de Basilio: «Cando comecei na banda lembro durmir en cabanotes, sen cobrar, bañándonos no río...»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

José Manuel Casal

Hoxe mesmo, 23 de febreiro, cúmprense vinte anos dende que Suso dirixe a banda Eduardo Pondal

23 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O cormelán Jesús Méndez Torrado, Suso de Basilio, quería ser mariñeiro como o seu avó, tal e como contaba hai un tempo na Voz, pero o destino acabaría levándoo por outro camiño. Acaba de facer 79 anos e leva 66 no mundo da música, vinte deles dirixindo a banda Eduardo Pondal. Tamén comandou varias corais polifónicas, fundou a orquestra Novas Ideas, publicou o libro A música en Corme e estudou no Conservatorio.

—Longa presentación, pero seguro que aínda hai máis...

—Agora estou con dous proxectos á marxe da música, como son a historia do pobo de Corme e a historia do frade Xoán Gago. Pero son traballos que levan centos de horas.

—Hoxe mesmo cumpre 20 anos comandando a banda. Antes de vostede, ningún director estivera máis de seis anos.

—Pois si, ás dez da mañá. Lémbroo ben porque é unha fecha destacada, 23F. Neste tempo estiveron na banda 178 compoñentes e todos somos amigos. Para min é moi importante que fagamos piña, que haxa compañerismo. Algunha xente foi marchando por circunstancias da vida, iso si. Haise que renovar constantemente, porque a falta de relevo xeracional e de canteira aféctanos moito. Agora traballamos con xente de Oleiros, Cambre, Arteixo, Carballo...

—Que balance fai?

—Foi un auténtico regalo que chegou xusto cando deixamos [a orquestra] Novas Ideas, en outubro do 2002, despois de 27 anos. Foi un gusto retomar esa banda que fundou meu pai no 1936.

—Atravesa a música de banda un momento doce?

—Diría que si. Non temos tantas actuacións como neses primeiros dez anos que estivemos apoiados polo Concello de Ponteceso, pois daquela chegamos a facer 44, pero agora, despois do covid, o ano pasado xa conseguimos 22.

—Que repertorio teñen?

—Neste sentido tivemos que reciclarnos, porque facíamos concertos sentados, pero as comisións non queren iso. Agora búscannos para facer pasarrúas, procesións e algún que outro tema durante a sesión vermú. Eliminamos obras e concertos e, dende hai uns anos, o noso espectáculo chámase música na rúa.

—Recorda o seu debut na música? Tivo algo que ver cun párroco e un exame na súa cociña...

—Lembro aquel debut, si [ri], un venres santo en Corme. O cura, Manuel Romero, veu á nosa casa unha hora antes de empezar a misa e quíxome examinar, así que fíxome tocar na cociña o Himno Eucarístico. Gustoulle e sacou do peto dez pesetas para darme: daquela iso era un pastón! Na nosa casa estabamos nun momento delicado e todo facía falla.

—Conserva aquel primeiro acordeón que lle mercou a un mariñeiro hai varios decenios?

—Desafortunadamente, non. Eu estaba titulado en trompeta, pero cando morreu meu pai tiven que aparcar a música e facerme cargo da panadaría familiar. Pouco despois compreille un primeiro acordeón a un home de aquí de Corme, un instrumento pequeniño, de taberna, que me valeu 400 pesetas. Co tempo acabeino cambiando e non sei onde foi parar. Agora teño un que me regalou a miña muller e que custou 3.000 euros [ri].

—Cantos instrumentos toca?

—Meu pai era clarinetista, pero eu empecei coa trompeta e aos 17 anos ingresei na banda de infantería da Coruña, onde estiven vinte meses e onde aprendín moito. Despois examineime por libre no conservatorio da Coruña e cando deixei a panadaría, aos 31 anos, volvín ao conservatorio e fixen piano, harmonía e mesmo violín. Pero os instrumentos queren horas ao día e é imposible atender a tanto. O meu agora é a composición, e podo dicir que son pioneiro en habaneiras en galego.

—Músico, panadeiro e tamén fixo traballos como ebanista e albanel. Había que axudar.

—Eran tempos moi difíciles. Recordo como meu pai acompañaba á miña nai, que tiña unha mercería, á feira de Baio, e el ía coa súa boina falar coas comisións para ter actuacións coa banda. Que dura era a vida daquela! Lembro ter durmido en cabanotes en Lamas, sen comer nin cobrar, bañándome no río... Foi difícil, pero fun moi feliz!